Partido Popular de Lugo

Os populares aseguran que o BNG terá a oportunidade de demostrar se o seu código ético é ou non “de quita e pon”

Lugo, 23 de xuño de 2015.-  O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Balseiro, asegurou hoxe que o BNG terá oportunidade de demostrar se o seu código ético responde a un verdadeiro compromiso firme ou se, pola contra, é “de quita e pon”

Desde o Partido Popular sospeitan que os “intereses partidistas” e o “pánico a ceder poder”, farán que os nacionalistas rematen por ceder e, con moita probabilidade, presten o seu aval ao candidato socialista á Presidencia da Deputación sobre o que pesa unha imputación xudicial.

“Non é a primeira vez que o BNG que fixan unhas regras, porque foron eles os que as puxeron, e despois invéntanse xustificacións para non cumprilas. Por riba do seu compromiso ético está facer todo o posible para que o PP non goberne, a pesar de ser a lista máis votada”-sinalan.

O secretario xeral popular lembra que que estamos ante un suposto moi similar ao que determinou a forzada dimisión de Orozco, polo que non se entendería un trato diferente. De feito tanto Martínez como Orozco (este último entre outras) son obxecto de imputación por tráfico de influencias.

BAIXO A SOSPEITA DA XUSTIZA

Os populares de Lugo aclaran que a súa formación política respecta profundamente a presunción de inocencia, pero tamén consideran que se deben ter en conta as esixencias éticas da cidadanía.

Desde o PP consideran comprensible que moitos cidadáns da provincia se pregunten os motivos polos que o PSOE insiste en manter como candidato á Presidencia da Deputación a alguén sobre os que existen sospeitas de comportamentos irregulares de enorme gravidade, como os que a Xustiza investiga respecto de Martínez, en concreto, presuntos delitos de tráfico de influencias e malversación.

TRES IMPUTADOS DE 11 SOCIALISTAS

Por si isto fóra pouco, desde o Partido Popular lembran que o PSOE insiste nesta mesma práctica. E de feito o BNG estaría apoiando a un goberno con tres imputados socialistas: o propio Martínez, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro e o alcalde de Pol, Lino Rodríguez

Non é só o caso de Martínez, senón que de 11 deputados que o PSOE ten na Deputación hai un total de tres imputados, todos eles escollidos pese a ser conscientes da súa situación xudicial. Sobre o alcalde socialista de Pol, pesa unha imputación por presunto delitos como tráfico de influencias, prevaricación, fraude ou exaccións ilegais, e a alcaldesa de Viveiro se enfronta á inminente apertura de xuízo oral, a un inminente procesamento, neste caso, por unha imputación xudicial por prevaricación urbanística