Lugo, 19 de xuño de 2015.- O anuncio efectuado onte sobre a incorporación de Begoña Moreiras ao Goberno socialista de Ourol como primeira tenente de alcalde e delegada de economía e facenda -ademais en réxime dedicación exclusiva- demostra que estamos ante un caso evidente de transfuguismo político, en palabras do secretario xeral lucense Jose Manuel Balseiro.
Para o dirixente popular está claro que esta concelleira, que concorreu ás últimas eleccións municipais como número dous da candidatura do Partido Popular e que despois decidiu apoiar como alcalde ao cabeza de lista socialista, “cambia de bancada política ata o punto de integrarse no goberno do PSOE”
Os populares acusan a Begoña Moreiras de “deslealdade e traizón”, non só fronte ao que era o seu partido senón, tamén ante os veciños “que depositaron a súa confianza nela”. Ademais, visto o novo paso que decidiu dar esixen que devolva a acta que logrou formando parte da candidatura do Partido Popular
DENUNCIAN “A COMPRA” DA SÚA EDIL
Balseiro considera ademais que o actual alcalde socialista e a propia Begoña Moreiras mentiron aos veciños cando aseguraban que non había intereses económicos ocultos tras este acto de transfuguismo, e nun dubidan en asegurar que a súa edil “podíamos dicir que foi comprada” pois como consecuencia do novo pacto a concelleira tránsfuga pasará a recibir en réxime de dedicación exclusiva unha soldo “incluso superior a do propio alcalde socialista”.
“Estas persoas nos quixeron facer crer que non había maletíns, nin sobres, e hoxe sabemos que os había e razón de 37.000 euros brutos anuais”, unha “motivación fraudulenta que parece ser suficiente para que esta señora acabe protagonizando este vil acto de transfuguismo.”
COMPLICIDADE DO ALCALDE E DO PSOE
Desde o PP arremeten tamén con dureza contra o socialista Jose Luis Pajón do que lembran, “se serviu do voto dunha tránsfuga para ser alcalde, para roubar unha maioría que non lle deron os veciños nas urnas”.
Insisten ademais en que o novo rexedor actúa coa complicidade do PSOE a nivel provincial, autonómico e nacional, que lonxe de censurar estes feitos permiten esta actitude antidemocrática que supón apoiarse nun tránsfuga en vez de obrigarlle a rectificar e efectuar a correspondente repulsa.
DESCULPAS AOS NOSOS VOTANTES
Balseiro insiste en pedir desculpas aos votantes do PP de Ourol, a todos aqueles que lles confiaron o seu voto para conseguir un goberno diferente
Anuncia que comunicarán esta estes novos feitos, á Comisión de Dereitos e Garantías do partido que xa tramitaba o expediente disciplinario que en casos desta gravidade contempla incluso a expulsión e insisten en lamentar que esta persoa se aproveitase de formar parte dunha lista do PP para únicos intereses personalistas.
Ao mesmo tempo adianta que estudarán e impulsarán todas as medidas administrativas, xurídicas –sen descartar incluso a vía xudicial- que estean nas súas mans para recuperar o que lle outorgaron as urnas e lle negou un evidente caso de transfuguismo.