Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR SOLICITA Á XUNTA DE GALICIA QUE ESTUDE A DECLARACIÓN DA IGREXA DA CRUZ DO INCIO COMO BEN DE INTERESE CULTURAL

Santiago, 13 de xuño de 2015.- O Grupo Popular vén de solicitar á Xunta de Galicia, a través dunha proposición non de lei, que analice a posibilidade de declarar como ben de interese cultural da Igrexa da Cruz no concello lucense do Incio. 

O deputado popular Ángel Camino lembrou que esta igrexa foi construída en 1960 e constitúe unha das principais obras de arquitectura moderna, “caracterizándose polo interese que o seu deseñador, José Luís Fernández del Amo, aplicou a cada un dos seus detalles, así como polo tratamento que lle dou á iluminación interior”.

Ángel Camino manifesta que a declaración como BIC desta igrexa conlevaría unha maior protección, conservación e posta en valor da Igrexa da Cruz do Incio, co obxectivo de garantir a súa permanencia. “Ademais, contribuiría a enriquecer o patrimonio arquitectónico, cultural e eclesiástico do que pode presumir este concello lucense, entre o que podemos destacar, pola súa proximidade, a Igrexa de San Pedro Fiz do Hospital, declarada Monumento Nacional en 1981”, apuntou.

INTEGRADA NA ARQUITECTURA DA MONTAÑA

A construción da Igrexa da Cruz do Incio naceu como encargo do crego Argimiro López Rivas, que confiou a José Luís Fernández del Amo o deseño e elaboración da súa primeira parroquia cuxa rexencia se lle encomendou.
Fernández del Amo puxo especial empeño en que o edificio se integrase coa arquitectura anónima da montaña de Lugo. Para a súa construción empregouse a lousa, o material máis abundante na zona, que está presente tanto na cuberta como nos muros ou no pavimento. A torre, un paralepípedo simple co oco das campás incrustado en ángulo, converte a esta igrexa nunha das obras máis significativas deste arquitecto.