Santiago, 9 de xuño de 2015.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, cos únicos votos favorables do Grupo Popular, a nova Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, que “vén complementar o corpo normativo comprometido ao inicio das lexislaturas do Presidente Feijóo e, xunto coa Lei de Mobilidade de Terras e a Lei de Montes, permitirá seguir incidindo na mellora da estrutura do territorio rural, dinamizando a economía e favorecendo o asentamento poboacional”, indicou a portavoz de Medio Rural, Isabel García Pacín.
A portavoz popular subliñou que este novo texto lexislativo “derroga as leis ata agora vixentes nesta materia e introduce notables novidades non só normativas, senón incluso de concepto e filosofía”. Neste sentido, anotou que “a realidade galega mudou nas últimas décadas e as peculiaridades que nos definen, lonxe de consideralas un atranco, debemos continuar mellorándoas con normas como esta”.
NOVO CONCEPTO
En concreto, García Pacín sinalou que a nova lei introduce “un novo concepto de reestruturación parcelaria que supera a dimensión e capacidade de actuación da actual concentración parcelaria, cun procedemento de actuación áxil e máis curto no tempo que aposta polas agrupacións empresariais ou explotacións que favorezan a xestión en común das terras”.
Na súa intervención, a portavoz popular engadiu que a nova lei permitirá mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións atendendo a criterios de ordenación con utilidade económica e social para fixar poboación no rural. “O obxectivo é seguir loitando contra o abandono de predios, facilitando a súa mobilización coa incorporación a explotacións existentes ou axudando á formación de novas, prestando especial atención á iniciativas asociativas de aproveitamento en común”, indicou.
ABARATAMENTO CUSTOS TRIBUTARIOS
Unha das cuestións salientables do novo texto é o abaratamento dos custes tributarios para favorecer a transmisión da propiedade, as permutas voluntarias, o arrendamento ou a incorporación ao Banco de Terras de fincas ociosas. Neste sentido, Isabel García Pacín explicou que “non se trata da dedución xa existente para herdeiros dunha explotación, porque esta medida vai máis alá co obxectivo de favorecer que as parcelas de herdeiros sen actividade agraria acaben nas mans daqueles que as precisan para traballalas”.
Así mesmo, salientou a introdución dos Plans de Ordenación de Predios de especial vocación agraria (Popeva), nos que se combina un procedemento de reestruturación da propiedade cunha real e práctica ordenación dos usos do solo.
Respecto das emendas presentadas polos grupos da oposición, a portavoz popular indicou que “se incorporaron emendas que melloran o texto inicial”, pero recoñeceu que, “aínda que foramos quen de incorporar un maior número ou unha maioría das achegas en forma de emenda propostas polos grupos da oposición, serían quen de opoñerse e non valorar na súa xusta medida o proxecto de lei a debate”.