26. may, ’15.- O voceiro do GPP no Senado e Presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, pídelle ao Secretario Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que “sexa claro e non engane aos veciños”. “O Sr. Besteiro dixo que a coherencia e a responsabilidade son os dous principios que moven o seu partido e eu – matizou José Manuel Barreiro-, non vexo que estea actuando con coherencia cando propón que goberne unha lista que non é a máis votada; nin con responsabilidade, xa que unha coalición de esquerdas non é o mellor para os lucenses”, asegurou Barreiro.
O líder dos populares en Lugo fixo estas afirmacións en resposta ás declaracións de José Ramón Gómez Besteiro nas que afirmou que defende que José López Orozco continúe como alcalde de Lugo.
Neste sentido cambe lembrar que tanto o cabeza de lista de Lugo Novo, Santiago Fernández Rocha, coma o do BNG, Rubén Arroxo, xa manifestaron publicamente que non apoiarán a investidura de Orozco, no Pleno do vindeiro 13 de xuño. José Manuel Barreiro pediulles ás tres formacións políticas “seriedade para non situar a Lugo nunha situación de incerteza e desgoberno”. O voceiro do GPP no Senado asegura que “o PP de Jaime Castiñeira é a única formación que pode aportarlle estabilidade á cidade.”
O líder do PP de Lugo instou a Besteiro a deixar gobernar a lista máis votada, “que por segunda vez é a de Jaime Castiñeira”. José Manuel Barreiro pediulle ao xefe de filas do PSdeG “que escoite o que realmente dixo a cidadanía e non faga lecturas erróneas dos resultados electorais, porque o partido que máis apoios recibiu na cidade de Lugo foi o Partido Popular con 15.132 votos, dous mil máis ca o Sr. Orozco”. “A única lectura obxectiva dos resultados é que os cidadáns de Lugo queren que Jaime Castiñeira sexa o próximo alcalde”, matizou Barreiro.
En relación ao chamamento que Besteiro fixo “a tódalas forzas progresistas” para apoiar a Orozco, o Presidente do PP de Lugo reclámalles a tódolos partidos de esquerdas con representación no concello “responsabilidade política” para poder “respectar a decisión dunha ampla maioría dos lucenses que queren que goberne Jaime Castiñeira”.
“Non será que o Sr. Besteiro presentou en Lugo unha lista cun candidato fantasma? Non séra que o Sr. Besteiro xa tiña xa pactada antes das eleccións a demisión de Orozco, para facilitar un pacto de esquerdas na cidade con Juan Carlos González Santín como alcalde?”, reflexionou José Manuel Barreiro. “Que non engane aos veciños”, concluíu o líder do PP de Lugo.