Partido Popular de Lugo

Barreiro: “Soubemos tomar as decisións axeitadas e agora é o momento de perseverar nas políticas que funcionan”

22, maio, 2015.- O Presidente do PP de Lugo e voceiro do GPP no Senado, José Manuel Barreiro, celebrou en Taboada o último mitin antes de pechar a campaña electoral. José Manuel Barreiro pediu o voto para o candidato polo concello, Ramiro Moure Ansoar, porque dixo “conta coa valía necesaria para seguir construíndo unha vila próspera”. Barreiro fixo extensiva a petición para tódolos candidatos do partido porque, asegurou, “no PP contamos co mellor equipo de España”.

O voceiro do PP no Senado lembrou que “non ten nada que ver a España actual coa que nos atopamos hai uns anos ao borde da quebra e o rescate. Soubemos tomar as decisións axeitadas –dixo- e agora é o momento de perseverar nas políticas que funcionan. O mellor aval do PP e os seus candidatos é o traballo ben feito en concellos, comunidades e no Goberno central”, matizou José Manuel Barreiro.

O Presidente Provincial do PP destacou que nos “peores momentos” os españois confiaron no Partido Popular para saír da crise e “nós -asegurou- cumprimos; onde se destruía emprego agora créase: máis dun millón de traballos entre o ano pasado e este. Onde se cerraban empresas hoxe ábrense: hai 17.000 máis cotizando ca no 2011. Onde se puña en risco o Estado de Benestar, hoxe fortaleceuse. Onde había rescate hoxe hai crecemento: España medra xa ao 3%”.

José Manuel Barreiro lamentou que “o Sr. Besteiro estea enganando” aos cidadáns: “Di que o PP non atende as necesidades de servizos básicos, e que a  papeleta do PSOE é unha garantía de defensa do público. Pois miren, só con dous datos voulles demostrar que isto non é certo –aseverou Barreiro-. As políticas de Zapatero cebáronse cos nosos maiores, co maior recorte social da historia: 2.800 millóns entre pensións e sanidade. Co PP as pensións subiron un 9% dende 2011. Cando Rajoy chegou ao Goberno –continuou- atopouse cun sistema sanitario cunha débeda de máis de 16.000 millóns, os concellos e as comunidades xa non tiñan cartos para pagar ás farmacias así que o primeiro que tivo que facer o Goberno foi pagar esas facturas para garantir que todo o mundo tivese medicamentos”, explicou o líder do PP en Lugo.

CONTRATACIÓNS “SOSPEITOSAS” NA DEPUTACIÓN DE LUGO

Na súa intervención en Taboada, o voceiro do GPP no Senado dixo que José Ramón Gómez Besteiro contratou, a través dun Plan de Emprego da Deputación, “ás mesmas persoas que van nas listas electorais do PSOE. Non lles parece moita casualidade?, preguntou Barreiro.  No Partido Popular –continuou- non cremos nas casualidades, por iso imos poñer este feito en coñecemento da Fiscalía, para que analice qué persoas resultaron beneficiarias deste programa financiado con fondos públicos de todos os lucenses. O que queremos, en definitiva, é saber  se Besteiro deu traballo a cambio de votos».

Ademais José Manuel Barreiro pediulle a Besteiro que faga públicos os nomes das persoas ás que contratou a través da Fundación TIC, que tamén depende da Deputación. “O PP xa lle solicitou en outubro pasado esta información e aínda estamos agardando”, afirmou Barreiro. “Está claro que se esconde as nóminas é por algo; seguramente para que non se descubra que ten montada toda unha axencia de colocación de persoas afíns ao seu partido. Sen ir máis lonxe, na Fundación TIC traballa un familiar directo dun dos principias organizadores da manifestación sobre os servizos pendentes no HULA que onte, en plena campaña electoral, percorreu as rúas de Lugo”, concluíu o líder do PP en Lugo.

José Manuel Barreiro tamén censurou o xeito de actuar de Cidadáns: “onte coñecemos que en Toledo pagaban 100 euros por voto e hoxe descubrimos que o candidato de Níjar aluga unha parcela cunha nave a vinte persoas de nacionalidade estranxeira que a usan como vivenda aínda que non teñen nin luz nin auga nin electricidade”. Barreiro dixo que  isto “ademais de ser ilegal e indigno vai en contra dunha das propostas do seu programa, a que especifica que só poidan durmir dúas persoas no mesmo cuarto”.

O voceiro do GPP no Senado referiuse tamén a Podemos “outra das formacións emerxentes xurdidas en TV que pretenden rexenerar a política española a pesar de que a súa fundación acaba de recibir case 700.000 euros de Ecuador”. José Manuel Barreiro lamentou a “hipocresía” de Pablo Iglesias e da súa formación que “non só reciben diñeiro de Venezuela senón tamén de Ecuador, o socio bolivariano de Nicolás Maduro”.

O ÚNICO PACTO DO PP É COS CIDADÁNS

José Manuel Barreiro asegurou que “fronte a isto está a estabilidade que garante o PP” e lembrou que o Partido Popular “é o único que só pacta coas persoas porque –dixo- Cidadáns e Podemos xa manifestaron que van pactar co PSOE”. Barreiro insistiu en que “o Partido Popular é a única alternativa a unha coalición de extrema esquerda” e apelou ao voto “responsable e útil”.

O Presidente do PP de Lugo afirmou que “o acontecido en España estes anos é unha historia de superación”, en referencia á mellora da situación económica e agradeceu a todos os cidadáns o “esforzo” porque eles, dixo, “son os verdadeiros protagonistas do cambio”. “Nós non temos fórmulas máxicas, temos un proxecto político serio e eficaz. O noso proxecto non precisa pancartas nin demagoxia, senón esforzo e ilusión por traballar e facer as cousas ben para que toda a sociedade española medre”, asegurou José Manuel Barreiro.

 “Queda moito por facer –matizou Barreiro- sobre todo a creación de novos postos de traballo para que a recuperación chegue a todos os fogares de España, pero hai unha cousa clara: se perseveramos no camiño que iniciamos con Rajoy agárdanos a todos un gran futuro cunha mellor calidade de vida”, concluíu o líder dos populares en Lugo.

Antes de visitar Taboada José Manuel Barreiro participou na Pastoriza nun mitin xunto ao candidato á alcaldía, José Yáñez García e nunha xuntanza con empresarios en Chantada na que tamén estivo presente o candidato do PP no Concello, Francisco Javier Rodríguez Medela.

Pola mañá José Manuel Barreiro percorreu as rúas do centro de Lugo, xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o candidato á alcaldía Jaime Castiñeira.