Riotorto, 21 de maio de 2015.- O candidato popular á alcaldía de Riotorto e presidente do Partido Popular desta localidade lucense, Clemente Iglesias, felicitouse hoxe pola “contundente resolución” da Xunta Electoral de Mondoñedo que, “por unanimidade” acordou desestimar e arquivar a “falsa denuncia” impulsada polo BNG sobre irregularidades na tramitación de votos por correo.
ENGANO E XOGO SUCIO
Clemente Iglesias asegura que veciños de Riotorto non se merecen un alcalde “tramposo”, como o nacionalista Federico Gutiérrez, que intentou enganalos atribuíndo ao PP graves irregularidades, desacreditadas hoxe pola resolución da Xunta electoral de zona reflectida esta mañá pola prensa. “Intentan manterse no poder a toda costa, enganando á xente e facendo xogo sucio”.
O popular insiste en que a devandita resolución do órgano supervisor da transparencia da campaña electoral dá mostra “das falsidades do BNG” que, nun intento de enganar “á opinión pública cunha denuncia falsa” chegou a afirmar que o PP manipulaba os votos por correo de persoas maiores.
“Todo iso é falso”, tal e como acredita a propia Xunta electoral –coa unanimidade dos seus compoñentes, insisten- e tras estudar os feitos e o propio informe da Garda Civil que investigou a denuncia. “A resolución deixa claro, incluso, que non foi capaz de acreditarse a existencia de demencia dos electores, nos votos por correo con certificado, e indica que os nacionalistas se baseaban en afirmacións xenéricas, non fundamentadas”.
BUSCA DESESPERADA DE PROTAGONISMO
“Unha mentira destas características, difundida con gran transcendencia nos medios de comunicación, so tiña o obxectivo de equivocar a opinión pública. É un proceder tramposo, que buscaba obter protagonismo na prensa e xerar falsas alarmas para obter réditos electorais a base de inxuriar ao contrario”- asegura Clemente Iglesias.
Para os populares o verdadeiro problema de Federico Gutiérrez é que “esta desesperado”, consciente de que liderou un “goberno en precario”, de costas á inmensa maioría dos veciños que apoiaron ao PP”. Riotorto “non” merecen un candidato como este”-conclúe Clemente Iglesias. “Federico Gutiérrez intenta manterse no poder a toda costa, ganar nos despachos o que lle negan os veciños nas urnas”
Desacreditadas estas falsas acusacións “os veciños teñen que elixir entre unha candidatura seria, que traballa, que ten un proxecto para a transformación do noso concello ou un partido como o BNG, radicalizado e sen actividade, que a súa única proposta é unha denuncia falsa”, ten remarcado.