Partido Popular de Lugo

O GPP sospeita que Besteiro agocha as nóminas da TIC para evitar que se coñeza a quen ten contratado

Lugo, 21 de maio de 2015. O Grupo Provincial do Partido Popular sospeita que o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, lles agocha as nóminas da Fundación TIC para evitar que se fagan públicos os nomes de persoas ás que o socialista ten contratados neste ente dependente do organismo provincial.

Así o analizaron hoxe os populares tras que o Grupo Provincial do Partido Popular solicitase xa en outubro de 2014 acceso ás nóminas da Fundación TIC, non lle sendo atendida a día de hoxe esta solicitude de información.

Os populares consideran cando menos “sospeitoso” esta actitude do presidente provincial, tendo en conta os antecedentes que obran na política de contratación do socialista no organismo lucense, como foi o caso dado a través da Escola de Piragüismo.

Neste senso, dende o Grupo Popular lamentan que a Deputación se estea a converter nunha axencia de colocación de afíns e lembran que, por exemplo, na Fundación TIC presta servizos un familiar directo dun dos principais organizadores da manifestación sobre os servizos do Hula.

Acceso á documentación

O 3 de outubro de 2014,  o deputado do Partido Popular e Conselleiro representante do mesmo na Fundación TIC solicita acceso ás nóminas e facturas da Fundación TIC durante a anualidade 2014

A través de escrito con data 16 de outubro do 2014, dende a Fundación TIC, expoñen que “na sesión do Padroado da Fundación TIC, no primeiro trimestre do ano 2015, aprobaranse as contas anuais, na que se achega toda a documentación solicitada e que vostede, na súa condición de membro do Padroado, terá a súa disposición”.

O presidente convoca sesión do Padroado da Fundación TIC para o 17 de marzo de 2015, en cuxa orde do día figura a aprobación das contas anuais. Entre os expedientes coa documentación a disposición dos patronos non figura a relación de nóminas nin de facturas da Fundación TIC durante a anualidade 2014, incumprindo deste xeito a contestación dada no seu día pola Fundación TIC

O mesmo día 17 de marzo de 2015, a través de escrito con número de rexistro 5806, esíxese de novo acceso ás nóminas e facturas da Fundación TIC durante a anualidade 2014. A maiores, o GPP solicita a intervención do Valedor do Pobo a fin de que os seus dereitos constitucionais sexan respectados. Queixa que foi admitida a trámite.

Por último, os populares presentaron unha moción que se debaterá no próximo pleno provincial na que instan ao presidente da institución a que atenda á petición do Grupo do Partido Popular e lle conceda acceso e copia das nóminas e facturas do 2014.