Mondoñedo 21 de maio de 2015.- A candidata do Partido Popular á alcaldía de Mondoñedo, Elena Candia, compromete unha solución ao problema da falta de estacionamento que sofre a localidade.
En concreto, a popular avanza que, se ten responsabilidades de goberno, o seu grupo realizará as xestións oportunas para adquirir terreos que permitan habilitar prazas de estacionamento en puntos estratéxicos da localidade.
Os nacionalistas e socialistas foron incapaces de darlle unha solución á problemática de falta de prazas para estacionar no municipio, pese ás peticións e propostas que lles trasladaron os populares. “Ao contrario, ás obras que realizaron empeoraron a situación, mentres endurecían a política sancionadora”, engade a popular.
Pasividade ante as propostas populares
Os populares sempre manifestaron a súa preocupación pola problemática da falta de prazas de estacionamento e presentaron propostas en pleno para darlle unha solución, que o equipo de goberno (BNG e PSOE) renunciou sacar adiante.
Candia lembra que pediron durante estes anos a socialistas e nacionalistas, a través dos medios que dispoñen, que establecesen contactos cos propietarios dos terreos situados en torno á Igrexa de Santiago, para a súa adquisición co obxecto de destinalos a aparcadoiros.
Tamén, segundo lembra a alcaldable popular, “instamos ao Concello a que creara prazas de aparcamento no entorno da Rúa Rocha de Vélez. Pese a que se comprometeron co Partido Popular a ter en conta estas dúas peticións, a día de hoxe o bipartito provincial non fixo nada para solucionar o problema do tráfico en Mondoñedo e se non fixeron en anos, desconfío que o fagan agora”.
Elena Candia conclúe ao asegurar que dende o PP, se acada responsabilidades de goberno, non se escatimará en esforzos para dotar á localidade de aparcadoiros. “Trátase dun compromiso dos populares que se poderá incluso converter nun catalizador para fomentar o tecido comercial no municipio e incentivar o turismo”.