Partido Popular de Lugo

O PP de Samos elaborará un plan programado de desbroces e de acondicionamento de pistas rurais

Samos 19 de maio de 2015.- O candidato á alcaldía polo PP de Samos, Manuel López Armesto, anuncia que o Partido Popular fará unha aposta “forte e decidida” polo medio rural. Así, entre as iniciativas comprometidas no seu programa electoral inclúense actuacións nas infraestruturas viarias.

O popular concreta que se elaborará un plan anual de limpeza de pistas, acondicionamento de cunetas e reposición de firmes, dando prioridade ao aglomerado, co principal obxectivo de mellorar os accesos ás zonas rurais.

A maiores, o alcaldable popular  explica que existen carencias en traídas de auga, polo que engade que “traballaremos para actuar e melloralas nos núcleos que o necesitan. O rural é un dos grandes esquecidos e para o PP será unha prioridade nas nosas atencións”.

Neste senso, Manuel López Armesto asegura tamén que “nos comprometemos a asesorar e informar dos programas de medio rural, para que a información chegue a todos e axudaremos na súa tramitación”.

Por último, o alcaldable popular anuncia tamén a proposta recollida no programa electoral e dirixida a potenciar a explotación dos recursos da zona (agrícolas, gandeiros e forestais) como medio de creación de tecido empresarial e que colabore, ademais, en asentar poboación en Samos.