Partido Popular de Lugo

Barreiro: “Nós preocupámonos pola saúde dos nosos veciños; en fronte están os que a empregan para gañar votos”

19, maio, 2015.- O Presidente do PP de Lugo e voceiro do GPP no Senado, José Manuel Barreiro, o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e a Ministra de Fomento, Fátima Báñez, arrouparon ao candidato do partido na cidade de Lugo, Jaime Castiñeira, nun mitin ante centos de persoas no Auditorio da Facultade de Veterinaria.

No acto, José Manuel Barreiro, lembrou que nestas eleccións “cada voto é decisivo” e pediu o apoio para Castiñeira para conseguir un “verdadeiro cambio na cidade de Lugo”. Barreiro asegurou que “se o PP gaña iranos ben a todos, mesmo aos que non nos votan” pero se o PP perde “iranos mal a todos”. Barreiro dixo que “para levar as rendas dun país ou dun concello é necesario facelo con cordura. Os gobernantes de verdade, coma os do PP, están para os tempos difíciles, e non o digo eu, dino os datos económicos, porque para os fáciles vale calquera”.

No transcurso da súa intervención o líder do PP de Lugo tivo un recordo para o Presidente fundador do partido, Manuel Fraga, ao que definiu como un “político traballador e honesto; un referente de honradez no que moitos nos miramos”. O líder dos populares lucenses destacou que a figura de Fraga “adquire un peso especialmente importante nestes tempos onde coñecemos tantos casos de corrupción que nos avergoñan profundamente”. Asimesmo, lembrou que o PP adoptou dende o “minuto un” medidas para previr a corrupción “dende tódolos puntos de vista” e subliñou que o paquete lexislativo que ten agora España para loitar contra a corrupción é “dos máis avanzados de Europa”.

En presenza da Ministra de Emprego, José Manuel Barreiro quixo destacar un dato económico: “na etapa de Goberno de Zapatero –dixo- España lideraba a destrución de emprego en Europa: 6 de cada 10 parados eran españois. O Goberno do PP conseguiu darlle a volta á situación: no último ano 3 de cada 4 persoas que abandonaron o desemprego en Europa fixérono en España”.

Barreiro dixo que o próximo domingo “non se vota a quen sexa máis simpático” ou a quen “gañe un concurso de televisión” senón a quen sexa capaz de “seguir creando emprego”. Insistiu en que o que está en xogo é “poder elixir a educación dos nosos fillos, que os maiores teñan as pensións aseguradas e a baixada de impostos”.

A POLÉMICA DA HEMODINÁMICA NO HULA

O voceiro do GPP no Senado insistiu en que o Partido Popular non se opón a que haxa hemodinámica 24 horas no HULA. Iso, dixo José Manuel Barreiro, é “totalmente falso” e lembrou que foi o PP o que construíu en Lugo  un hospital punteiro en España “ao que pouco a pouco fomos dotando de novos servizos e niso seguiremos, traballando como formigas mentres outros fan de cigarras”.

O Presidente Provincial do PP lembrou que a Xunta acaba de confirmar a creación do rexistro galego do infarto agudo de miocardio “que nace e se desenvolverá baixo o criterio unánime de todos os xefes de servizo de cardioloxía” e insistiu en que será a comisión de seguimento dese rexistro e, polo tanto, “a de profesionais” a que marque “cómo atender ás persoas que sofren infarto agudo de miocardio”.

José Manuel Barreiro tamén quixo lembrar que no 2006 o PSdeG votou no Parlamento de Galicia en contra dunha proposta do PP que reclamaba para o hospital de Lugo os mesmos servizos que agora piden dende a Plataforma en defensa do HULA. “Dende o PP traballamos para mellorar a sanidade pública e preocupámonos cada día pola saúde dos nosos veciños pero o que non facemos nunca é empregar a súa saúde para gañar votos”, matizou Barreiro.  “A todos eses políticos que agora se fan a foto coa camiseta eu lles digo dende aquí que unha cousa é poñer a camiseta e outra sudala”, matizou o líder dos populares lucenses.

Antes, o líder dos populares de Lugo e o Presidente da Xunta participaron noutro mitin en Vilalba para apoiar ao candidato á reelección, Gerardo Criado. Alí, José Manuel Barreiro asegurou que Criado “é o que mellor coñece os problemas dos veciños e traballa a reo cada día para intentar solucionalos”.

Durante a súa intervención Barreiro lamentou o modo de facer política de José Ramón Gómez Besteiro porque, dixo, “marxina” aos concellos do PP.  “O outro día o Sr. Besteiro asegurou que os alcaldes do PP actúan como delegados da Xunta e que non fan caso do que piden os veciños. Vostedes viron a algún alcalde popular actuar así? –preguntou Barreiro-. Eu non. Eu a quen si vin actuar con total deslealdade aos veciños foi ao propio Besteiro. Dende a Deputación marxina a tódolos concellos do PP, e polo tanto aos seus veciños, aos que priva de servizos públicos básicos”, concluíu o Presidente do PP de Lugo.

José Manuel Barreiro explicou que outro exemplo do “comportamento caciquil” de Besteiro é “a suba salarial que acaba de aprobar na Deputación só para un grupo de amigos del afíns ao PSOE”. Barreiro asegurou que “O Sr. Besteiro sabe que fixo as cousas mal e ten medo de non ter o apoio suficiente e perder a Deputación e entón –dixo- xa non se presenta para non saír desgastado politicamente. Unha vez máis só mira os intereses persoais.”