Mondoñedo, 17 de maio de 2015.- A candidata á alcaldía polo Partido Popular en Mondoñedo, Elena Candia, anunciou a posta en marcha de iniciativas en materia educativa e cultural, se ten responsabilidades de goberno na localidade.
En concreto, Elena Candia precisou que o obxectivo é que se leve a cabo unha ampliación da oferta educativa na localidade, e para iso o PP traballará para que Mondoñedo conte cun novo ciclo formativo. Neste senso, a popular puxo de manifesto o valor engadido desta iniciativa, xa que os centros educativos convertéronse en dinamizadores da actividade local.
A maiores, a candidata polo Partido Popular tamén anunciou o compromiso de desenvolver un plan cultural que permita un maior desenvolvemento económico de Mondoñedo e cuxo obxectivo é o de que a cultura xere riqueza.
Por último, Elena Candia matizou que estas iniciativas propostas polo Partido Popular de Mondoñedo lograron o compromiso do Conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez.