Burela, 17 de maio de 2015.- Trala romería popular de Cervo, a titular de Traballo e Benestar Social, Beatriz Mato e o secretario xeral do PPdeLugo, José Manuel Balseiro, desprazáronse ata Burela para arroupar ao candidato, José María González Barcia.
Na casa da cultura do municipio, e ante un numeroso público, Mato e Balseiro pediron o voto para Chema e alertaron do perigo que suporía para a localidade que entrasen a gobernar outras forzas políticas.
“De non votar ao PP tiraríamos pola borda catro anos de intenso traballo, proxectos e actuacións”- alertaron os populares, quenes insistiron na necesidade de apostar por Chema González Barcia como garantía de estabilidade, rigor e traballo continuo por Burela”.
Pola súa banda, o candidato á reelección, José María González Barcia, manifestou que ao seu equipo aválano os feitos e citou varias actuacións levadas a cabo nesta lexislatura.
“A nova escola infantil, a urbanización de Torrentes, o Plan Xeral de Ordenación Municipal, a prolongación do martelo no porto, os servizos de oncoloxía e quimioterapia no Hospital e a súa próxima ampliación, o acceso ó porto e mesmo o faro, xunto con máis axuda no fogar, máis áreas de aparcamento gratuíto ou a próxima ampliación do IES Perdouro”- enumerou.
González Barcia afirmou que o vindeiro día 24, os cidadáns terán dúas opcións: apostar por dous, tres ou ata catro rexedores inestables, ou apostar polo PP como símbolo do bo facer.
Así as cousas, lembrou que se o PP obtén a maioría absoluta, xa se sabe quén será o alcalde, pero se non é así, “non sabemos quen gobernará Burela; e como xa sabemos o que dan de si os bipartitos, podemos imaxinarnos o que poden traer consigo os tripartitos e mesmo os tetrapartitos”, alertou Barcia.
O candidato á reelección puxo de manifesto que existen candidaturas exprés, que se formaron en vintecatro horas e cuxos integrantes non se coñecían entre sí; o que demostra, dixo, un claro oportunismo político e mesmo persoal de algúns, que só veñen á política a solventar os seus problemas persoais; e outros que, como no Concello se comporten como fixeron con algunha empresa, Deus nos colla confesados”.- ironizou.
González Barcia insistiu en que o seu equipo continuará na liña da responsabilidade, de non gastar máis do que se ten, a diferenza de outros partidos e deixou claro que co PP no Goberno está asegurada a nova EDAR, a posta en marcha dun polígono empresarial, máis servizos sociais e educativos, un novo pavillón e a revisión dos valores catastrais.
O candidato finalizou a súa intervención pedindo o voto das persoas que actúan con sentidiño, que queren as cousas feitas con seriedade e rigor; o voto de aqueles aos que non lle gustan os sobresaltos nin que se xogue alegremente coas cousas; o voto da xente que quere que desde o Concello se traballe para resolver os problemas, en definitiva, o voto da xente que quere que Burela progrese.