Partido Popular de Lugo

Candia: “O obxectivo primordial do noso goberno será crear emprego en Mondoñedo e necesito seguir contando coa total axuda da Xunta de Galicia”

Mondoñedo, 16 de maio de 2015.- A candidata á alcaldía polo Partido Popular en Mondoñedo, Elena Candia, esbozou hoxe as principais liñas do seu programa electoral nas que o obxectivo “primordial” é o de xerar emprego e para iso “necesito seguir contando coa total axuda da Xunta de Galicia”.

A alcaldable popular explicou que Mondoñedo conta cos recursos suficientes para xerar emprego e que existe xa un proxecto en marcha, polo que a colaboración e o traballo paralelo entre a administración autonómica e o Concello será “un factor fundamental para a creación de postos de traballo no noso municipio”.

“Queremos que Mondoñedo sexa impulsor do emprego local, berce das iniciativas emprendedoras… Con traballo, transpariencia e cercanía, e coa axuda de Alberto Núñez Feijóo, Mondoñedo medrará”, matizou a popular durante o mitin celebrado hoxe na Casa da Xuventude, coa participación do presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, e do provincial, José Manuel Barreiro.

Emprego e servizos sociais

A candidata, quen explicou as principais liñas do programa electoral do PP de Mondoñedo, dixo que “presentámonos cun programa que eleva o listón en emprego e servizos sociais. Un programa elaborado co apoio da xente, falando cos veciños e escoitando ás persoas”.

En concreto, na área de emprego a popular citou entre os compromisos do seu partido o da creación dun programa para impulsar Mondoñedo socioeconomicamente, que permita fixar empresas e apoiar ás existentes; a potenciación da implantación de industrias no polígono e mesmo a creación dun viveiro de empresas que permita apoiar aos emprendedores.

Nada mellorou en Mondoñedo

A alcaldable popular fixo tamén balance da xestión do bipartito local (BNG e PSOE), cos que “nada mellorou en Mondoñedo”. “Subíronse impostos, creouse algún novo, reducíronse servizos, a súa principal obra (a do Seminario) deixou a Mondoñedo en peor estado do que se atopaba”, exemplificou Candia, quen engadiu que “dende que Orlando é alcalde Vivir en Mondoñedo é máis caro, máis incómodo e con menos servizos”.

Por iso, Elena Candia pediu o voto para o seu proxecto “serio e firme” no que, segundo engadiu “me acompañan un grupo de persoas con ilusión, cercanas e comprometidas con Mondoñedo. Queremos un goberno cercano, dispoñible a todo o mundo. Un Concello próximo, sen esquecernos nunca do rural”.

“A nosa proposta é seria e ofrecemos xestión e organización, para iso necesitamos do apoio de todos, xa que o PP non só necesita ganar, que o leva facendo dende fai anos, senón tamén arrasar para que non se unan os perdedores”.

Agradecemento á Xunta de Galicia

A candidata á alcaldía tamén trasladou o seu agradecemento ao goberno galego, que durante estes anos manifestou un importante compromiso con Mondoñedo a través de iniciativas, como obradoiros de emprego, impulso as concentracións parcelarias, obras en infraestruturas como a LU-124, apoio en benestar e colaboración coas feiras e festas das San Lucas, entre outras.