16, maio, 2015.- O Presidente do PP de Lugo e voceiro do GPP no Senado, José Manuel Barreiro, participou, xunto co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nun mitin en Guitiriz. Tanto Barreiro coma Feijóo amosaron a súa confianza no candidato dos populares á reelección, José María Teixido, ao que o líder dos populares en Lugo definiu coma un “verdadeiro exemplo de compromiso con tódolos veciños da vila”.
No acto, José Manuel Barreiro explicou que o concello vai ser “decisivo para gañar a Deputación”. “Nas anteriores eleccións, malia ter o 47% dos votos da provincia o PP quedouse fóra da Deputación ao reeditarse o pacto entre o PSOE e o BNG. Por iso –dixo Barreiro- o partido xudicial de Vilalba vai ser decisivo. O líder do PP de Lugo explicou que “agora o que está en xogo é que a Deputación volva a estar ao servizo dos cidadáns porque nestes momentos está ao servizo do seu Presidente e Secretario Xeral dos Socialistas galegos, o Sr. Besteiro.”
O voceiro do GPP no Senado continuou a súa intervención afirmando que “o que lle pasa agora a Besteiro e ao PSOE é que están nerviosos porque saben que fixeron as cousas mal. En todos estes anos, dende a Deputación, non quixeron axudar aos concellos gobernados polo PP e agora teñen medo a perder o poder”.
José Manuel Barreiro destacou que “hai poucos días na Deputación aprobaron unha suba salarial, pero non para todos os traballadores, só para un grupo de afíns ao PSOE e a Besteiro. Ademais –continuou- non foi unha suba salarial pequena, en total son máis de 300.000 euros do diñeiro de tódolos cidadáns da provincia de Lugo, e polo tanto do seu diñeiro, os que repartiron entre eles. O Sr. Besteiro ten tanto medo de perder o control que quere deixar blindados economicamente aos seus amigos.”
Ao remate do acto en Guitiriz Barreiro e Núñez Feijóo desprazáronse ata Mondoñedo para apoiar á candidata do partido, Elena Candia. O Presidente do PP de Lugo destacou “a acreditada experiencia de Candia” e “o seu incansable traballo durante todos estes anos a prol do concello”.
A continuación o Presidente da Xunta e o líder do partido en Lugo acompañaron ao candidato do partido en Riotorto, Clemente Iglesias, nun acto celebrado no centro sociocultural da vila. José Manuel Barreiro pediu o apoio para Iglesias porque, afirmou “ten máis ganas de traballar polo Concello que ninguén, despois de faltarlle tan pouquiño para ser alcalde”.
Alberto Núñez Feijóo e José Manuel Barreiro visitaron tamén o concello de Trabada onde acompañaron ao candidato do PP á reelección, José Manuel Yanes. “O mellor aval de Yanes é a súa traxectoria, o seu bo criterio durante todos estes anos de esforzo e compromiso cos veciños”, dixo Barreiro.
O PSOE DEIXOU AO AGRO EN SITUACIÓN CRÍTICA
Para rematar a xornada o Presidente do PP de Lugo participou en dous actos nos concellos de Triacastela e Bóveda. José Manuel Barreiro destacou o traballo tanto de Olga Iglesias coma de José Manuel Arias, candidatos do partido á reelección por Triacastela e Bóveda, respectivamente. “Teñen acreditado o seu esforzo tanto dende dentro do concello coma dende fóra. Olga como Deputada Nacional e José Manuel como Deputado Provincial traballan cada día para conseguir os mellores servizos para os veciños”, concluíu Barreiro.
Nas súas intervencións nestes dous concellos, José Manuel Barreiro asegurou que “o PP é o único partido que defende con feitos o campo, o único que de verdade se preocupa polos agricultores e gandeiros. Polo tanto –dixo- é o único que pode defender lugares coma este onde tantas persoas viven do sector agrario”.
“Nos seus anos de goberno, tanto en Galicia coma en España, o PSOE mantivo unha nefasta política agraria que deixou nunha situación crítica á xente que vive do campo, coma moitos de vostedes”, aseverou Barreiro. “Voulles poñer uns exemplos moi claros –continuou-: co goberno socialista de Zapatero a Renda Agraria caeu un 15%; a dotación de fondos europeos para o sector lácteo foi só de 12 millóns de euros e ademais negociaran unha tarifa plana da PAC que estaba afundindo ao sector”.
O Presidente do PP en Lugo concretou as medidas adoptadas polo Partido Popular en materia agraria en gandeira, fronte á xestión “pésima do PSOE”. “Cando Rajoy chegou ao Goberno tivo que darlle a volta á situación herdada de Zapatero. Púxose mans á obra e conseguiu negociar en Europa a reforma da PAC máis beneficiosa para España, con 47.000 millóns de fondos europeos”, subliñou José Manuel Barreiro.
Barreiro tamén destacou o compromiso do Executivo de Marinao Rajoy co sector lácteo e, polo tanto, “con tódolos concellos galegos onde tantas persoas viven pendentes do mercado leiteiro. Con Rajoy –matizou- a dotación da UE para o sector leiteiro foi de 31 millóns de euros, 19 millóns máis que con Zapatero”. O voceiro do GPP no Senado destacou tamén que a “ reforma da cadea alimentaria que está levando a cabo o Goberno é a máis importante para o sector agrario e sitúao á cabeza da UE.