Cervo, 15 de maio de 2015.- Os populares revelaron a través de datos a falta de compromiso de socialistas e nacionalistas co concello de Cervo o que, segundo o secretario xeral dos populares lucenses, José Manuel Balseiro, os deslexitima a pedir o voto.
O único partido que amosou durante estes anos un forte compromiso con este municipio é o Partido Popular, precisou Balseiro, que “tanto a nivel local, como autonómico e estatal realizou un forte esforzo inversor en Cervo a pesar da crise”.
Así o puxo de manifesto o popular, unha afirmación que corroborou con datos, durante o mitin celebrado no salón de plenos do Concello e no que interviron, ademais de José Manuel Balseiro, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o alcaldable popular, Alfonso Villares.
A Deputación non existe para Cervo
José Manuel Balseiro reincidiu en que a Deputación de Lugo (PSOE e BNG) non existiu durante estes anos para Cervo, ata o punto de que a súa vicepresidenta, Lara Méndez, chegou a votar en contra de iniciativas que repercutirían no benestar dos veciños do municipio.
Con datos na man, o secretario xeral dos populares lucenses revelou que a Xunta de Galicia achegou ao municipio un investimento 54 veces superior ao da Deputación. “Estamos a falar de 39 millóns de euros fronte a 728.000 euros”, matizou Balseiro, quen engadiu que “son cifras que non admiten comparación”.
“Os socialistas e nacionalistas gobernaron durante oito anos de costas a este municipio ao que castigaron reiteradamente e, en áreas, como a de servizos sociais, teñen unha débeda contraída coa administración local”, asegurou o secretario xeral en relación á que a Deputación de Lugo está a incumprir a lexislación vixente nesta área ao non financiar, polo tanto, o SAF maioritariamente.
O compromiso da Xunta de Galicia coa Mariña e con Cervo en particular é claro. Balseiro citou a “ampliación do hospital da Costa, o gasoduto da Mariña, o primeiro tramo do corredor lucense da Costa (Celeiro-San Ciprián…”, eengadiu que “se do PSOE e do BNG se tratase hoxe estaría vetada a posibilidade de xerar emprego coa ampliación das piscifactorías situadas no polígono de Cuíña, anunciada por Feijóo”
Traballo do goberno local
O secretario xeral dos populares lucenses pediu o voto para o PP local e para Alfonso Villares do que salientou “o forte compromiso” cos cervenses ao longo deste anos durante os que saneouse a facenda local sen reducir servizos, ao contrario, entre outros, puxéronse en marcha escolas deportivas, abríronse novos centros sociais, construíuse a praza dos Campos, remodelouse o parque da capitalidade municipal, creáronse liñas de axudas para estudantes, centros educativos, Anpas e clubs deportivos e entidades deportivas…