Partido Popular de Lugo

Alfonso Fuente: “os políticos da oposición non teñen propostas para Barreiros limítanse á critica”

Barreiros, 15 de maio de 2015.- O candidato á alcaldía polo Partido Popular en Barreiros e actual alcalde, Alfonso Fuente Parga, esbozou no mitin de hoxe o seu compromiso co concello, mentres que, pola contra, os políticos da oposición “non teñen propostas para Barreiros, limítanse a criticar a labor do alcalde”.

Segundo o alcaldable popular “están en contra de todo, realmente non sabemos se queren traballar por Barreiros ou non. Non lles gusta o turismo, non lles gustan os servizos sociais, non lles gustan os colexios, nin a gardería…”.

Así o puxo de manifesto o candidato popular durante o mitin celebrado no Asador de Barreiros e no que participaron tamén o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o secretario xeral do PP lucense, José Manuel Balseiro.

Fuente Parga reiterou o seu compromiso de que continuará a traballar para sacar adiante propostas de importante demanda en Barreiros, ao igual que fixo durante estes anos. Entre as actuacións materializadas ás que referiu atópanse: melloras no abastecemento de auga e en redes de saneamento, posta en marcha do ximnasio municipal, mantemento da gardería ou o servizo de axuda no fogar sen lista de espera.

Balseiro pide o voto para Fuente Parga

Pola súa banda, o secretario xeral dos populares lucenses, José Manuel Balseiro, pediu o voto para Alfonso Fuente Parga e argumentou que o Partido Popular é o único comprometido co municipio e o que maior esforzo inversor está a realizar en Barreiros.

Ademais da boa xestión a nivel local; Balseiro revelou o forte compromiso da Xunta de Galicia co municipio, que investiu nesta localidade máis de 15 millóns de euros dende 2009, o que supón  preto de 18 veces máis ca achega da Deputación (850.000 euros).

Balseiro criticou que a Deputación de Lugo co PSOE e co BNG á cabeza non existira durante estes anos para Barreiros, ata o punto de que, por exemplo, estímase que a débeda en materia de servizos sociais (cuxo responsable, Antón Veiga,  é o número dous da lista do BNG en Barreiros) ronda os 200.000 euros.