Mondoñedo 14 de maio de 2015.- A candidata popular Elena Candia anuncia que se chega á alcaldía o seu equipo de goberno, organizará, unha vez ao mes, a celebración dun evento ou actividade de interese, que reúna atractivo e que permita atraer visitantes á localidade.
Así o anunciou a candidata popular, quen explicou que a idea de sacar adiante esta iniciativa deriva da necesidade de dinamizar a cidade e impulsar actuacións que permitan atraer xente ao municipio.
Neste senso, a alcaldable popular precisou que esta proposta se desenvolverá en coordinación coas entidades sociais e que o tipo de evento ou actividades que se leven a cabo poden ir dirixidos a todos os públicos e deben ser moi variados.
Polo tanto, este compromiso do Partido Popular desenvolverase en paralelo ao do impulso das actuais feiras, festas e actividades que na actualidade se están a organizar no municipio, como son As San Lucas, As Quendas, O Mercado Medieval, a celebración da Semana Santa e dos carnavais ou o concurso de tapas, entre outras. Candia quixo agradecer tamén o compromiso e o traballo das persoas e asociacións encargadas de organizar con éxito estes encontros, que ano tras ano permiten que os mindonienses e visitantes os desfruten.