A Fonsagrada, 9 de maio de 2015.- O candidato á alcaldía de A Fonsagrada, Tobías Martínez, pide explicacións ao rexedor por contratar empresas afíns para servizos no concello.
O popular explica que a compañía elixida polo alcalde para a contratación de pólizas de seguros municipais está vinculada ao tenente de alcalde, José Fernández, posto que é nesta onde o número dous de Fernández Queipo exerce de axente.
Tobías Martínez manifestou que no ano 2014 o rexedor formalizou 28 pólizas de seguro, entre as que se renovaron e as de nova proposta, e que todas foron contratadas coa compañía de seguros que en A Fonsagrada ten como axente ao primeiro tenente de alcalde. Engadiu o popular que ditos seguros continúanse renovando ao longo deste ano.
Critica o candidato que o rexedor realizase os contratos sen pedir as diferentes ofertas que puideran ofrecer outros axentes presentes en A Fonsagrada, “ xa que o normal e xusto sería comparar ofertas e coberturas e non dalas a dedo á compañía onde exerce de delegado o primeiro tenente de alcalde”.