Partido Popular de Lugo

López Penabad presenta un programa electoral firme, eficaz e transparente

Lugo 8 de maio de 2015.- “Firme, eficaz, transparente e que recolle todas as propostas e demandas dos ribadenses”. Así definiu o candidato do PP á alcaldía de Ribadeo, Jesús López Penabad, o programa electoral co que a formación local concorre as eleccións municipais.

Nunha rolda de prensa, arroupado pola meirande parte dos integrantes da candidatura, o popular expuxo as liñas xerais do programa, enumerando os nove puntos que forman o documento, tendo unha gran prioridade a economía e o benestar social.

López Penabad salientou a importancia dos sectores estratéxicos que favorecen á economía do Concello e comprometeuse a poñelos en valor de ser elixido rexedor. Tamén anunciou a creación dun pavillón multiusos para poder desenvolver feiras e eventos e a posta en marcha de cursos de formación ligados ao tecido socioeconómico de Ribadeo para desempregados sen titulación.

En materia de benestar, o alcaldable deixou claro a súa aposta polas residencias, o piso tutelado e o centro de día, “cunha xestión realista e transparente de ditos servizos”.

A  anunciada creación dun campo de fútbol de herba artificial tamén é outro compromiso de López Penabad e o  saneamento do rural tamén é algo prioritario para os populares.

O candidato á alcaldía deixou claro o compromiso dos populares con Ribadeo e cos ribadenses, para avanzar con paso firme, cunhas institucións eficaces e transparentes. “Estamos absolutamente convencidos que o único xeito de conquerir esta misión e apoiando a nosa candidatura”- concluíu.