Sober, 7 de maio de 2015.- O candidato de Sober polo PP e actual rexedor, Luis Fernández Guitián, aspira a revalidar a alcaldía da localidade para asentar poboación e crear emprego na vila. A súa candidatura propón “unha vez máis” un programa “serio, sen utopías, baseado en ideas claras, concretas e perfectamente realizables”, explica.
Un programa deseñado por un equipo “capaz de resolver os problemas que verdadeiramente preocupan aos veciños e veciñas, para o que, engade Guitián, contamos co apoio da Xunta e necesitamos o da Deputación, que nos tivo esquecidos os últimos anos”.
EmpregoFernández Guitián compromete no seu programa a ampliación do plan de emprego xuvenil iniciado hai dous anos e a organización de cursos de formación para impulsar o autoemprego e o cooperativismo. Ademais, o PP colaborará coas empresas e autónomos do Concello, publicará un boletín periódico con información sobre o emprego e publicitará os cursos formativos.
Atención social
En materia social o programa dos populares aposta por aumentar o servizo de axuda no fogar, potenciar as actividades nos locais sociais das parroquias e crear un servizo de atención diurna en colaboración coa residencia Virxe do Carme. Tamén propón a creación dunha rede de parques biosaudables en diferentes puntos do Concello.
InfraestruturasO PP comprométese a seguir ampliando as redes municipais de saneamento e auga potable, a mellorar as estradas municipais, a renovar os alumeados e proseguir co plan de sinalización. Entre as esixencias, a de pedirlle á Deputación a mellora e mantemento da súa rede de estradas.
Vivenda
O candidato á alcaldía anuncia a sinatura dun convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo para a construción dun grupo de vivendas de promoción pública concertada, así como a rúbrica da segunda fase do programa de axudas do ARI, o único en Galicia que beneficia a todo o Concello.
En materia de turismo o PP propón converter o cuartel de Sober en residencia vacacional, impulsar os recursos turísticos e apoiar as iniciativas privadas relacionadas co sector.
Medio ambienteO PP seguirá eliminando vertedoiros incontrolados, potenciando a reciclaxe e recuperando antigas fontes. Tamén lle solicitará á CHMS a limpeza do cauce dos ríos e a mellora do seu entorno.
No que atinxe á viticultura impulsarase o traballo de asociacións e adegueiros e melloraranse pistas e accesos, ao tempo que se pedirá a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional para para a Feira do Viño de Amandi.
Cultura, educación, deporte e xuventude
Ademais de potenciar a Banda de Música e ampliar as actividades deportivas e culturais, crearase unha aula de novas tecnoloxías na que se farán cursos de formación destinados principalmente a mozos e maiores. Remataranse as obras no pavillón e potenciarase o deporte base, ao tempo que se axudará aos clubs de fútbol locais.
Candidatura
Luis Fernández Guitián Domingo López Fernández José Elías González Prieto Sonia Fernández Martínez Raquel Arias Rodríguez Carmen Pérez Perez Abel López Fernández José Quevedo Pérez Sofía Pérez Fernández José Luis López Leira Beatriz Fernández Fernández Iván Armesto Fernández Héctor Manuel Díaz López María del Carmen Agrelo Vázquez Carlos Losada Rodríguez