Monterroso 2 de maio de 2015.- Logo de saber que o Xulgado do Social número 3 de Lugo condena ao concello de Monterroso a pagarlle 50.000 euros a un peón municipal que sufriu un accidente laboral por culpa de que o Concello incumpriu as normas e prevencións de riscos, a voceira dos populares monterrosinos, Pilar Varela, tilda de gravísimo este suceso e urxe a un cambio de alcalde posto que de continuar con este, o municipio e os veciños están en perigo.
A popular, quen lamenta o acontecido, denuncia a irresponsabilidade, temerosidade e incumprimento de Antonio Gato nunha materia básica como é a seguridade; unhas lamentacións que hoxe manifesta a propia xustiza tras obrigar a este Concello a indemnizar ao operario municipal.
Pilar Varela indica que “temos que prever antes de lamentar” e insiste en que as normas de prevención de risco teñen que estar en marcha antes de que acontezan desgrazas deste tipo.
“A indemnización non paga o dano feito. A dor e a situación que viviron e están a vivir o afectado e a súa familia non hai cartos que a pague”- sentencia Varela, quen denuncia que fose o incumprimento do Señor Gato en materia de seguridade o causante desta desgraza.