Castroverde, 1 de maio de 2015.- O secretario xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro presentou esta tarde, en Castroverde, a lista popular que encabeza María Gómez Pallín.
Nun acto no que participaron veciños, simpatizantes e representantes políticos de concellos veciños, Balseiro alertou da situación actual de Castroverde,“municipio onde temos un executivo que non goberna para todos, senón para uns poucos; algo que non se pode permitir”- sentenciou.
Neste senso, o número dous dos populares lucenses, presentou a un equipo de persoas serias, traballadoras e comprometidas para facer fronte ao actual equipo de goberno.
Pola súa banda, a candidata popular criticou duramente ao rexedor de quen dixo “leva 18 anos gobernando, tivo tempo suficiente para traballar por todos pero sen embargo optou por beneficiar a uns poucos”.
Gómez Pallín denunciou numerosas deficiencias e incumprimentos do alcalde, e citou, como por exemplo, a residencia e centro de día, “unha infraestrutura moi importante para o pobo , moi demandada polos veciños e coa que o equipo de goberno, e concretamente, o señor alcalde, está a xogar”.
Nesta liña, a popular tamén denunciou o abandono das parroquias, “onde a algunhas nin tan sequera chegou o saneamento” e tamén fixo mención do descoido nos locais sociais. Insistiu na necesidade dunha boa xestión nas contas públicas, na posta en marcha do Punto de Atención á Infancia (algo moi importante para fixar poboación), e na creación do centro sociocultural.
A alcaldable tamén ve clave apoiar ao sector agrogandeiro, do que dixo ser o sustento principal do concello, “polo que hai que mellorar os accesos para poder facer máis sustentable o sector”.
Por último, lembrou que Castroverde conta cunha riqueza paisaxística e cultural que necesita promoción e apoio. “Temos unhas rutas de sendeirismo moi apreciadas pero moi mal valoradas porque non se están a coidar; temos a porta mais importante de turismo que é a que nos ofrece o Camiño primitivo e que non se está a explotar”- denunciou.
Logo de enumerar estas necesidades e demandas, Gómez Pallín presentou a súa candidatura. Mostrouse optimista de gañar as eleccións o 24M posto que “acompáñame un equipo de persoas traballadoras, serias e honestas; preocupadas polo municipio e por todos os veciños”. Deixou claro que de ser elixida alcaldesa, o mérito non sería só dela, senón de todo o equipo, por de todos é o inmenso traballo e esforzo.
CANDIDATURA PP DE CASTROVERDE
MARIA JOSEFA GOMEZ PALLIN
SANDRA LOPEZ REGUERA
CESAR MAREY VIVERO
JOSE MANUEL REY VAZQUEZ
MANUEL RODRIGUEZ VARELA
JESUS FERNANDEZ BESTEIRO
AVELINO ABUIN LOMBAO
JOSE RIELO ALVAREZ
JESUS PINTO NIETO
MARIA DEL CARMEN FERREIRO CORDERO
SUPLENTES
DOMINGO PEREIRA DOMINGUEZ