Trabada, 1 de maio de 2015.-. O actual alcalde e candidato á reelección polo Partido Popular en Trabada, José Manuel Yanes Ginzo, deu a coñecer hoxe a candidatura íntegra que o acompaña de cara aos próximos comicios electorais de maio. Trátase dunha aposta “continuista” para revalidar a súa maioría absoluta.
O popular explicou que repiten, respecto á última lexislatura e na mesma orde, as persoas que ocupan os cinco primeiros postos da candidatura; mentres que só hai catro novas incorporacións na lista do Partido Popular de Trabada.
“Trátase dunha candidatura integrada por xente nova, cunha media de idade de 40 anos”, asegurou Yanes Ginzo, quen dixo que se está ante “unha campaña moi complicada, e hai que traballar en firme para sacar adiante proxectos que nos propuxemos e que a falta de recursos nos impediu materializar”.
Lexislatura complexa
O actual rexedor e candidato popular, que deu a coñecer a candidatura ao completo no Restaurante Villapol de Trabada, fixo un repaso por esta última lexislatura á que cualificou de “moi complexa”.
Neste senso, o popular engadiu que “dado os escasos recursos dos que dispuxemos, centrámonos en atender os servizos básicos e importantes para a cidadanía, en especial os sociais, e máis nunha poboación moi envellecida”.
Así, Yanes Ginzo evidenciou o castigo ao que a Deputación de Lugo somete ao concello de Trabada; a quen non prestou o apoio en servizos sociais tal e como a obriga a lei, e que derivou nun maior esforzo inversor do Concello nesta área.
A falta de compromiso da administración provincial (PSOE e BNG) con Trabada tamén se mostra no ámbito do emprego ( discriminou a este concello do seu plan de emprego) e na rede viaria provincial, que presenta un completo estado de abandono.
A maiores, o candidato popular puxo de manifesto a necesidade de reducir gastos correntes e ganar así máis fondos para investir. Neste senso, resaltou as importantes actuacións levadas a cabo en aforro enerxético, e que permitirá na próxima lexislatura reducir este gasto ata nun 50%.
Pola súa banda, o secretario xeral dos populares lucenses, José Manuel Balseiro, destacou da candidatura a súa experiencia, o que considera un valor importante para darlle continuidade a un proxecto comprometido cos veciños.
Candidatura
1.- José Manuel Yanes Ginzo
2.- Juan Francisco López Prieto
3.- Manuel Gallo García
4.- Manuel Varela Fernández
5.- Lucía Fernández Fernández
6.- Iván Fernández Teijo
7.- José Hugo Fernández Varas
8.- Francisco Rodríguez Gasalla
9.- Beatriz García Santamarina
Suplentes
1.- Martín Fernández Fernández
2.- Oliva Lombardero Rey
3.- Félix Antonio López Díaz