Partido Popular de Lugo

O GPP estudará a presentación de alegacións contra a modificación da relación de postos de traballo detrás da que se esconde o pago de favores políticos a axentes electorais

Lugo, 30 de abril de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular solicita acceso a todos os informes relativos ao expediente da última proposta de modificacións puntuais da relación de postos de traballo, aprobada inicialmente pola Deputación de Lugo no último pleno provincial, pola vía da urxencia, e sen contar nin co respaldo do GPP nin de varios sindicatos.

A voceira dos populares, Elena Candia, explica que queren ter acceso a todos os informes, especialmente aos económicos nos que se valora esta subida salarial, coa finalidade de estudar a presentación de alegacións ante esta proposta, para o que existe dende onte un prazo de 20 días.

Candia engade que o seu grupo se ve na obriga de requirir esta documentación mediante o rexistro dun escrito dado que o equipo de goberno da Deputación de Lugo non convocou unha comisión informativa previa para tratar a proposta de aprobación desta modificación.

Candia lembra que lle foi comunicada a inclusión na orde do día desta proposta de modificacións puntuais da RPT unha hora antes da celebración do pleno, e séndolle entregada só a documentación de Recursos Humanos.  Así, o bipartito da Deputación, aprobou inicialmente por vía de urxencia a subida salarial a un número moi reducido de traballadores, detrás da que se esconde o pago de favores políticos a axentes electorais, e sen darlle acceso aos populares previamente a toda a documentación.

Por último, a voceira dos populares lembra que se aprobou inicialmente o incremento salarial por un importe total de  307.000 euros e que afecta a un grupo moi reducido de traballadores, ata o punto de subir o salario ao mes dalgún empregado desta institución nunha contía superior á que percibe un español que cobra o Salario Mínimo Interprofesional.

“Besteiro quere deixar blindados aos seus axentes electorais, e o GPP non será cómplice desta utilización da Deputación como unha axencia de colocación e como unha forma de financiar ascensos políticos”, conclúe.