Mondoñedo 29 de abril de 2015.- A candidata á alcaldía polo Partido Popular de Mondoñedo, Elena Candia, denuncia que o bipartito local (socialistas e nacionalistas) están a someter o Castro de Zoñán a un estado de abandono “inconcibible e lamentable”.
Candia explica que este asentamento é esquecido por parte do goberno local ata o punto de que as casas achadas neste asentamento castrexo atópanse cubertas de herba e doutras especies arbustivas.
Mentres, segundo engade a popular, o acceso cara este lugar de gran valor patrimonio e de forte atractivo turístico atópase “totalmente intransitable”, froito dun abandono “constante e intolerable”.
A candidata do PP aclara a maiores que a primeira protección do Castro figura dende o ámbito municipal, unha responsabilidade que están a evadir de xeito descarado.
A popular considera máis lamentable a falta de preocupación de nacionalistas e socialistas, tras que a Xunta de Galicia investira na posta en valor deste asentamento máis de 100.000 euros en convenios, xunto a outras axudas do programa Leader.
“Outras administracións actuaron nesta localización para a súa divulgación e o goberno local dedícase a abandonalo sen conservar as accións de restauración realizadas no Castro”, matiza Candia.