Santiago, 29 de abril de 2015.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Miguel Santalices, amosou hoxe no Parlamento o compromiso do Partido Popular de ampliar o horario de funcionamento do servizo de hemodinámica no Hospital de Lugo se o rexistro único de mortalidade por infarto de miocardio que se realizará este ano revela diferenzas entre as distintas zonas da Comunidade galega.
Santalices criticou o “oportunismo político perverso a costa dos pacientes” que se está a facer por parte dos grupos da oposición co servizo de hemodinámica no Hospital Universitario Lucus Augusti e explicou que os 100.000 euros que ofrece a Deputación Provincial para financiar este servizo “non chegan para nada e demostra que non teñen nin idea, xa que só unha garda de presenza física dos médicos costa preto de 200.000 euros anuais, aos que habería de engadirse os axustes de enfermería”.
REUNIÓN DE XEFES DE CARDIOLOXÍA
Na súa intervención, Miguel Santalices indicou que o pasado 15 de abril reuníronse todos os xefes de cardioloxía de Galicia. “Foi a primeira vez que celebran unha xuntanza deste tipo e todos concederon unha importancia capital ao rexistro único de datos sobre infarto agudo de miocardio para definir o modelo organizativo que teña en conta todas as salas de hemodinámica”.
En concreto, Santalices sinalou que con este rexistro único, que toma como referencia os datos de 2015, coñeceremos cal é a mortalidade e o pronóstico daqueles pacientes que se lles fai unha anxioplastia por enriba dos 120 minutos, porque no caso de existir diferenzas entre as distintas zonas de Galicia será necesario adoptar as medidas oportunas para garantir unha igualdade de atención sanitaria a todos os galegos”
AMPLIAR HORARIO
“Se a comparativa indica que hai unha maior mortalidade nas áreas de Lugo e Ourense non o dubide: teremos que ampliar o horario de funcionamento das áreas de hemodinámica, pero sempre seguindo criterios profesionais e non a demagoxia política ou a utilización dos enfermos como se está a facer”, asegurou.
Así mesmo, o portavoz popular lembrou que “a hemodinámica de Lugo existe porque o Goberno do señor Feijóo a implantou, porque o señor Touriño nin a contemplaba no seu proxecto de Hospital de Lugo, que nin sequera chegou a rematar e aínda menos poñelo en funcionamento”.
Neste sentido, lembrou unha moción presentada polo Grupo Popular no ano 2006 no que se instaba á Xunta a implantación de unidades de hemodinámica nos hospitais de Lugo e Ourense “e os deputados de PSOE e do BNG votaron en contra”. Santalices lembrou que posteriormente a instalouse a unidade de hemodinámica en Ourense, pero unicamente con horario de 8 da mañá a 3 da tarde.