Partido Popular de Lugo

Candia ve “pouco crible” que “ o BNG e o PSOE fagan agora en 15 días, o que non fixeron en oito anos”

Mondoñedo 29 de abril de 2015.- A candidata á alcaldía polo Partido Popular en Mondoñedo, Elena Candia, considera “pouco crible” que o bipartito local (BNG e PSOE) “faga agora en 15 días, o que non fixeron en oito anos”.

Candia fai estas declaracións tras que os socialistas e nacionalistas anunciasen a tramitación dunha subvención para actuar no campo de fútbol de Mondoñedo, que deron a coñecer despois de que os populares fixesen público o seu compromiso electoral de adecentar estas instalacións deportivas.

“Despois de dúas lexislaturas perdidas e despreocupados pola demandas que lles trasladaron os veciños no ámbito deportivo, parece ser que espertaron agora ao final”, explica Candia, quen engade que “está ben que os compromisos electorais por fin lles fagan andar”.

A candidata popular reitera o compromiso do seu partido coas necesidades dos veciños e a atención as súas propostas para incluír no programa electoral “pese a que a nacionalistas e socialistas lles moleste o traballo do PP”.

Por último, Candia tamén lle pediu ao bipartito local que non confunda responsabilidades xa que a petición de arranxo do campo de fútbol de Ribadeo tratouse dunha proposta trasladada, por petición do PP deste concello, á Deputación Provincial de Lugo.