Santiago, 29 de abril de 2015.- O deputado do Grupo Popular e exalcalde de O Incio, Ángel Camino Copa, celebra a licitación da obra de mellora do firme da estrada LU-641, no tramo comprendido entre o Val do Mao e o quilómetro 2,5 que transcorre polos municipios de Samos e O Incio.
O deputado popular salientou que este feito é o resultado das longas pero discretas xestións realizadas tanto na súa época de alcalde de O Incio, como agora na súa condición de parlamentario autonómico, xa que, desde o primeiro minuto, continuou interesándose reiteradamente pola necesidade de acometer esta actuación de mellora nesta importante estrada, así como o pendente de executar nas estradas LU-642, LU-653 e outras da provincia.
“Xestións e feitos contrastables no Diario de Sesións do Parlamento, fronte o abandono ou incapacidade da alcaldesa de O Incio, posto que non existe constancia de que teña solicitado entrevista algunha relativa a este caso, con ningunha persoa relacionada coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas”-engade
Camino Copa lembrou, porque a experiencia así llo di e os feitos llo demostran, que a xestión silenciosa, ante os despachos, é moito máis efectiva que as algaradas. “Non podemos deixarnos levar polos saltabarricadas, os que se agarran ás pancartas, nin os profesionais do alboroto, que o único produtivo que conseguen é facer ruído”
O deputado popular resalta, que nestas xestións sempre contou co apoio do compañeiro deputado, Jaime Íñiguez.
Camino Copa sinalou, que aínda que coñecía a intención da Xunta de proceder á licitación desta obra, preferiu esperar á publicación oficial do anuncio a través do Diario Oficial de Galicia, circunstancia que tivo lugar no día de hoxe.
MELLORA INTEGRAL
O deputado popular indicou, finalmente, que aínda que a licitación no se corresponderse co proxecto orixinal construtivo desta estrada, recoñece que a situación económica do momento obriga a executar esta obra coa solución adoptada, e lonxe de conformarse, segue comprometido en impulsar e continuar facendo as xestións necesarias para a súa mellora integral, de acordo co proxecto aprobado no ano 2010.