Lugo, 28 de abril de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular non apoia a proposta de urxencia de José Ramón Gómez Besteiro na que propón unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), detrás da que se esconde o pago de favores políticos a axentes electorais.
A voceira dos populares, Elena Candia, explica que se propuxo un incremento salarial por un total de 307.000 euros e que afecta a un grupo moi reducido de traballadores, cuxa proposta a que tamén votaron en contra dous sindicatos. “Dende o GPP non seremos cómplice deste pago de favores políticos só a uns poucos traballadores de confianza. Sempre lle pedimos que deixara de utilizar esta casa como unha axencia de colocación e como unha forma de financiar ascensos políticos”.
Candia asegura que este é o socialismo que practica Besteiro que, “temendo perder o control desta casa, quere deixar blindados economicamente a axentes electorais”. Segundo precisa a popular estase incrementando o salario ao mes a algún traballador desta institución, mais que recibe ao mes un español que cobra o salario mínimo interprofesional.
A voceira popular cualificou a proposta de indignante e de vergoñenta e “invito a todos os traballadores a que confíen no partido que represento que, sen dúbida, se chegamos ao goberno nesta casa, recibirán máis os que menos están cobrando e non ao revés. Todos os incrementos de Besteiro son de apoio aos que máis cobran e non ao revés. Estes non son os principios do socialismo. É unha utilización moi incorrecta desta institución”.
Polo tanto, Candia reiterou que non imos apoiar esta proposta, nin polo fondo “por todas as razóns que acabo de citar”, nin polas formas, xa que “déronnos a documentación antes do pleno, sen tempo ao seu estudo, e levan a iniciativa por urxencia, o que consideramos unha auténtica emboscada, e unha actitude ditatorial e totalmente discriminatoria, que non podemos apoiar nin da que ser cómplices”.