Baleira 27 de abril de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular, a petición do rexedor de Baleira Ángel Martínez-Puga, pedirá no pleno da Deputación, que se celebra mañá, que a administración provincial actúe sobre a estrada LU-P-5401, no termo de Martín.
En concreto, os populares explican que nesta infraestrutura viaria se deu, fai uns tres meses, un afundimento do terraplén que afecta a parte da calzada. Unha situación que, segundo manifestan dende o GPP, se ve agravada polo escaso ancho da estrada que queda para a circulación de vehículos.
A maiores, o afundimento, que se dá no punto quilométrico 8,5, atópase moi preto dunha curva o que incrementa a inseguridade que se dá neste treito dende fai meses ante a falta de preocupación da Deputación de Lugo, que non está a actuar na vía da súa titularidade.
Neste senso, os populares aseguran que se trata dunha estrada moi transitada pola que circulan vehículos de considerable tamaño como son autobuses ou o camión do lixo, e que se vén obrigados a invadir o carril contrario.