Meira 26 de abril de 2015.- O actual alcalde e candidato á alcaldía polo Partido Popular en Meira, Ramiro Pérez, reitéralle á Deputación de Lugo a petición de arranxo da estrada provincial LU-P-3006 de Meira a Pastoriza, que presenta dende fai preto dun ano un socavón en Rego de San Vicente de considerables dimensións e que a administración lucense esquiva arranxar.
O Grupo Provincial do Partido Popular, por petición do rexedor local, levará ao pleno provincial do próximo martes unha iniciativa na que insta á Deputación de Lugo a que actúe nesta vía e realice as melloras necesarias, coa finalidade de garantir a seguridade viaria neste treito urbano da estrada que comunica Meira coa Pastoriza.
A actuación convértese en máis urxente ao tratarse dunha estrada con moito tránsito xa que comunica co polígono industrial, co centro médico así como a localidade meirega coa da Pastoriza.
Pese ás peticións de arranxo trasladadas en reiteradas ocasións dende o goberno local, a Deputación esquiva arranxar o socavón, amparándose en escusas fundamentadas en mentiras xa que tal é como explica Ramiro Pérez “en ningún momento se puido comprobar que este socavón derive da canalización e os propios técnicos advirten de que debe ser a Deputación provincial de Lugo, como titular da vía, a que actúe nesta infraestrutura”.
A falta de interese do goberno bipartito da Deputación de Lugo e a súa evasión de competencias márcanse tan reprobables ata o punto de que “nin tan sequera se preocuparon da sinalización do socavón, sendo o Concello o encargado de vallar un punto que entraña gran perigosidade”.