Lugo, 23 de abril de 2015.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, pediulle esta mañá ao presidente da institución, José Ramón Gómez Besteiro, que deixe de utilizar a RPT (Relación de Postos de Traballo) como un instrumento para converter a Deputación nunha axencia de colocación de afíns e de pago de favores a axentes electorais.
A voceira dos populares explicou que se ve na obriga de facer pública a intención que leva Besteiro na próxima modificación de postos de traballo. Segundo informou Candia, o presidente da Deputación ten previsto aprobar unha subida salarial “encuberta, para só uns poucos”. “Trátase dun incremento de 300.000 euros, só para 90 traballadores, dos 475 da Deputación. É dicir, chega ao 18,9%).
Elena Candia matizou que nalgúns destes caos o incremento anual é do 23% do salario. Así, a popular lamentou que o socialismo que practica Besteiro é que “cada vez, uns teñan máis ca outros”.
Apoio aos traballadores
Elena Candia quixo poñer en valor o esforzo dos funcionarios nesta crise, que viron mermados os seus ingresos con conxelación de salarios ou privación de pagas extras, e defendeu a profesionalidade de moitos traballadores da Deputación e o bo funcionamento de servizos. Así, “considero necesario explicar a intención de Besteiro e explicala á xente, xa que se están a dar discriminacións entre os empregados da Deputación”.
Así, a popular pediu “cordura” e defendeu que calquera incremento salarial se motive na obxectividade, sen darse discriminacións, atendendo a criterios do posto como a dificultade técnica, a incompatibilidade ou a responsabilidade e non “como un pago de favores a amigos”. “Agardamos que o 24 de maio se aparte do goberno a un Besteiro con prácticas caciquís e de pagos de favores”.