Partido Popular de Lugo

PP de Pol vota en contra do recoñecemento extraxudicial de créditos por valor de 328.000 euros

Pol, 22 de abril de 2015.-  A presidenta e portavoz do grupo municipal Popular de Pol, Ángeles Lenza, explicou que a súa formación política vén de votar en contra do recoñecemento extraxudicial de créditos, por valor de 328.000 euros formulado polo alcalde no último pleno extraordinario.

A popular explica que está totalmente a favor de que os provedores municipais cobren, pero non pode aceptar a listaxe levada a pleno polo alcalde xa que hai facturas  aínda non incorporadas e que, segundo puido constatar, levan sen abonarse desde o ano 2013.

Lenza sinalou que a mala xestión económica que se está a facer dos cartos de todos leva ao concello de Pol a unha situación de práctica quebra técnica polo que esixiu un control exhaustivo dos cartos e que se estableza un criterio de pago das facturas pendentes baseado nun criterio ordenado, cronolóxico e obxectivo. Asemade, pediu que se informe inmediatamente si se está cumprindo coa obriga de subministro de información ó Ministerio de Facenda e Administracións Públicas xa que todo apunta a que a contabilidade non se atopa ó día e que se pode estar incumprindo todo ao relativo ós informes de morosidade. A popular sospeita que se podería estar incorrendo en graves irregularidades contables.

Sorpréndelle a presidenta dos populares de Pol, que no recoñecemento extraxudicial levado a pleno, se oculte de forma sospeitosa, unha parte de facturas xa pagadas sen crédito orzamentario, podendo o responsable de ditas ordes de pago haber incorrido en responsabilidades que traspasen o ámbito administrativo.

CATRO MESES SEN CONVOCAR O PLENO ORDINARIO

Ángeles Lenza tamén denunciou que o alcalde leva catro meses sen convocar o pleno ordinario, pese a que o acordo establece que se convoque o primeiro venres dos meses impares. O último celebrouse en decembro, pese a ser un mes par.

A popular afirma que este proceder ten por obxecto evitar que se poidan incluír rogos e preguntas –que non forman parte das ordes do día dos plenos extraordinarios- un comportamento co que o alcalde pretende evitar das resposta ás preguntas que se lle formulan

Mostra disto, aconteceu no último pleno onde a voceira popular foi apercibida de expulsión por formular as seguintes preguntas que quixo que constasen en alta, pese a que o alcalde ameazou con suspender o pleno:

• Como se financia o pago das facturas por importe de 328.000 euros
• Consecuencias que ten este pago sobre o exercicio económico 2015
• Estamos ante a quebra técnica do Concello de Pol?
• É legal saltar os plenos, non convocalos,sen dar conta a oposición dos motivos desta atraso?

Dáse a circunstancia de que na Orde do día do pleno extraordinario se incluíron outro tipo de asuntos que non se corresponden coa urxencia propia dun pleno extraordinario como eran a elección de xuíz de paz substituto, adhesión dun acordo sobre a supresión dos rexistros civís…