Partido Popular de Lugo

Tejerina anima a máis de 500 gandeiros en Vilalba a que se unan para gañar capacidade de negociación

Vilalba 21 de abril de 2015.- O Partido Popular de Galicia reuniu esta tarde en Vilalba a máis de medio millar de  gandeiros presentes nun acto ao que acudiu a Ministra de Medio Ambiente, Agricultura e Alimentación, Isabel García Tejerina, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, o voceiro do PP no Senado e  presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, entre outras autoridades.

Ámbolos tres, analizaron as medidas desenvolvidas e recentemente postas en marcha polo actual goberno de Mariano Rajoy, dirixidas a acompañar este momento de transición, tan importante para o sector.  “Estamos falando dun escenario novo para o sector gandeiro e para a industria co que todos debemos convivir”- sentenciaron.

Os populares manifestaron que este goberno, dende a súa chegada ao poder, encargouse de facer os deberes a sabendas de que non habería posibilidades de prórroga poñendo unha batería de medidas para que o sector gandeiro se enfronte nas mellores condicións posibles a este novo escenario.

Neste senso, a ministra aproveitou para anunciar que mañá mesmo se reunirá coa INLAC para tratar todos os asuntos de interese para o sector  ao tempo que aproveitou para animar ás organizacións de produtores lácteos en Galicia a que medren para gañar capacidade de negociación a través das ferramentas deseñadas especificamente para o seu uso.

Denominacións de Orixe do Viño

Anteriormente a Ministra reuniuse cos presidentes das 5 Denominacións de Orixe do Viño, aos que lembrou que a partir do ano que ven haberá autorizacións de plantación, de tal maneira que o sector medrará ordenado cun apartado específico e especialmente coidadoso para as Denominacións de Orixe, para que non perdan o valor, a riqueza, a calidade, “que ao final tamén é valor para os viticultores, para as adegas e para a economía de Galicia”.

Asemade, García Tejerina lembrou que cando o PP chegou ao Goberno co que contaba o sector era cunha liberalización total das posibilidades de plantacións xerando unha enorme preocupación. Insistiu en que este Goberno negociou na reforma do ano 2013 a volta a un sistema de control das plantacións, é dicir, unha regulación do potencial  vitivinícola para que o sector do viño medre de maneira ordenada.

Quescrem

A ministra fixo tamén declaracións na visita á empresa Quescrem á que puxo como exemplo de “industria que apostou pola calidade, innovación e por dar valor engadido a un produto coma o leite, o cal ten especial importancia aquí en Galicia e en Lugo”.

Concluíu dicindo que entendemos que unha industria do sector lácteo potente, como Quescrem debe ser o futuro polo bo proveito que fai  dunha materia prima tan extraordinaria que permite que os gandeiros obteñan maior valor engadido.