Domingo, 19 de abril de 2015.- O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, anunciou este mediodía unha “mellora constante” da zona rural no caso de ser elixido alcalde, posto que “o equipo que encabezo non só coñece as necesidades e reivindicacións dos veciños das 54 parroquias senón que, o que é máis importante, ten sensibilidade e vontade política de atendelas e darlles resposta”.
Durante a súa intervención na sétima edición da Comida de Confraternidade da zona rural, á que asistiron uns 300 veciños, Jaime Castiñeira trasladou que no caso de ser alcalde, os residentes das parroquias gañarán en servizos como a ampliación na cobertura de telefonía móbil para evitar zonas de sombra; o incremento do número de núcleos con saneamento e con conexión á rede municipal de auga; ou a mellora das comunicacións, cun plan plurianual de mantemento de pistas e cunetas, que se completará cun programa de limpeza, desbroce e sinalización.
Paralelamente a estas medidas, o popular anunciou outras “xa non só para reter á poboación senón para fomentar o asentamento de poboación nas parroquias”, convertendo “o que hoxe son diferenzas en vantaxes”. Nesa liña, trasladou que se é alcalde establecerá bonificacións de ata o 95% nas licenzas de obra para explotacións agrícolas, así como a creación dunha liña de subvencións de ata o 25% en obras de adecentamento en fachadas, cubertas, cambios de ventás e cuartos de baño. “Todo isto completarémolo aprobando o 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal pendente dende 2012 e realizando os necesarios plans especiais para que en zonas de expansión se poidan dar licenzas”, asegurou Jaime Castiñeira.
O candidato popular á alcaldía de Lugo aproveitou o seu discurso para agradecer a “fidelidade e lealdade” dos veciños da zona rural que asistiron á comida de hoxe, “pagando cada un 20 euros pola súa entrada”. “Sei que son tempos difíciles, por iso valoro dobremente o voso compromiso”, advertiu, ao tempo que sinalou que “estamos diante dunha oportunidade magnífica para cambiar o futuro das parroquias e de Lugo en xeral”, polo que animou aos lucenses a “porta a porta, e persoa a persoa, trasladar que hai un equipo, que é o do Partido Popular, que está comprometido coas parroquias”.
Datos liquidación 2014
Por outra banda, Jaime Castiñeira sinalou que o goberno municipal deixou, segundo os datos da liquidación de 2014, sen investir case a metade do previsto na zona rural. En concreto, dun orzamento total para investimentos “que nin sequera chegaba a 600.000 euros” (592.774,64 euros) só se executaron obras por importe de 324.229,74 euros. Fronte a esta realidade, “nós comprometémonos a incrementar o peso das parroquias nos orzamentos e, o que é moito máis importante, a materializar ese compromiso”, certificou o popular.
Por último, o popular criticou que “o goberno municipal fora incapaz de atender as demandas dos veciños plasmadas no Plan de Investimentos que PSOE e PP aprobaron en xuño do ano pasado”. “Tiveron o noso apoio e teñen o diñeiro dispoñible, froito de non ter investido os anos anteriores, e nin así executaron obras tan necesarias e reivindicadas”, concluíu o popular.