Santiago, 16 de abril de 2015.- O Grupo Popular de Galicia vén de asumir como propia a reivindicación da industria conserveira galega e presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia instando á Xunta que se dirixa ao Goberno central para reclamar un incremento do continxente de lombos de atún ata as 30.000 toneladas totais libres de aranceis.
O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, explica que comparten a demanda da industria conserveira, en particular de ANFACO, e sinala que de acadarse este obxectivo a conserva galega podería ser a gran beneficiada, ao gañar en competitividade e valor engadido e crear as condicións favorables para consolidar e incluso mellorar os máis de 12.000 empregos directos que esta industria xera en Galicia.
CONTINXENTE LIBRE DE ARANCEIS
Balseiro explica que cada tres anos, os estados produtores de conservas de atún pertencentes á Unión Europea teñen que negociar con Bruxelas o continxente de lombos de atún libre de aranceis co que pode contar esta industria, unha cantidade que ata agora se cifraba en 22.000 toneladas anuais.
Para que todo este sector poida gañar en competitividade e obter a materia prima que precisa, desde a propia industria estase a demandar a ampliación do continxente arancelario de lombos de atún ata un total de 30.000 toneladas
SECTOR ESTRATÉXICO
Balseiro volve resaltar a importancia que ten a industria conserveira de peixes e mariscos dentro da economía galega, especialmente en moitas zonas do litoral. Un feito que aparece acreditado se observamos os datos socioeconómicos referentes a este sector: aporta o 2,8% do PIB de Galicia; xera 12.000 empregos directos, a gran maioría deles femininos e fixos; e ten unha produción de máis de 296.000 toneladas ao ano (máis do 85% do volume total de España), que acada un valor próximo aos 1.300 millóns de euros anuais.
As conservas de túnidos, en particular, son o principal produto elaborado pola industria española e galega de conservas e semiconservas.