Partido Popular de Lugo

O desinterese do goberno local de Mondoñedo provoca o peche do ximnasio municipal

Mondoñedo 16 de abril de 2015.- A candidata do Partido Popular á alcaldía de Mondoñedo, Elena Candia, denuncia que o desinterese do goberno local (PSOE e BNG) ante as necesidades dos veciños provocou, unha vez máis, a perda dun novo servizo. Así, a popular aclara que esta despreocupación ocasionou o peche do ximnasio municipal.

Polo tanto, o balance de xestión de Orlando González e dos seus socios de goberno pasa pola perda constante de servizos para Mondoñedo. “Dende que Orlando González é alcalde, vivir en Mondoñedo é máis caro, máis incómodo e con menos servizos e oportunidades”, asegura Candia.

Neste senso, a popular exemplificou casos concretos como que co nacionalista no goberno (pese a perder as eleccións), Mondoñedo  non conta cunha educadora familiar, despedida polo actual goberno local ante o incumprimento en materia de benestar de socialistas e nacionalistas na Deputación. “E non só se perde un servizo, senón que se incrementaron as taxas que debían pagar os usuarios do SAF”, precisa a alcaldable.

Entre outros exemplos dos citados pola popular está tamén a perda de diversas actividades como é a supresión da celebración da comida da terceira idade. “Tampouco nos podemos esquecer de que Orlando González asegurou que non lle importaría pasar a historia por ser o primeiro alcalde que non organizase as festas e feiras das San Lucas. Unha mostra evidente da falta de preocupación do bipartito local (PSOE e BNG) ante as necesidades de Mondoñedo e as demandas dos veciños”.

Mentres suprimen os servizos, Candia reproba que Orlando González se limite a incrementar impostos e taxas ou crear algún novo. Por exemplo, a popular explicou que no 2012 aprobaron o pago dunhas tarifas polo uso das instalacións deportivas, como é o caso do pavillón polideportivo municipal e do campo de fútbol de Viñas da Veiga. Pese a comprometerse en pleno a suprimir estas taxas a asociacións sen ánimo de lucro, en reposta a unha petición do PP trasladada nunha moción, os nacionalistas e socialistas seguen a impoñer estas tarifas.

Candia conclúe ao asegurar que lles preocupa moito o castigo que o actual goberno municipal está a dar ao deporte na localidade, polo que no programa electoral incluirán iniciativas que permitan restablecer esta situación.