Burela, 12 de abril de 2015.- Coa candidatura do PP de Burela, José Manuel Barreiro pon o peche e final a unha intensa fin de semana de presentación de listas populares en concellos mariñáns.
Barreiro, consciente de que para ningún rexedor foi sinxelo xestionar durante estes anos de crise, manifestou que quedou demostrado que confiar no PP é elixir estabilidade fronte ao caos; por orde fronte a desorde e insistiu en que os populares “non facemos política de palabras senón de feitos”.
Manifestou o popular, que con respecto a Burela, os feitos son visibles e proba diso, atópase, na ampliación do hospital da Costa, as obras de acceso ao porto que avanzan a un bo ritmo, a construción da nova gardería municipal; ademais dos cursos e obradoiros de emprego, a recuperación de todo un símbolo para Burela, como é o seu faro e a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. matizou.
González Barcia asegurou que a candidatura popular nace con vocación de gobernar, de facer as cousas con rigor e seriedade, de darlle a Burela estabilidade, para que os veciños que acudan ao concello saiban que poden falar con calquera representante popular; en definitiva, dixo, “para que non haxa dous ou incluso tres alcaldes distintos segundo de que se fale e que teñan problemas para entenderse”.
O rexedor afirmou que se o lema destes catro anos foi “traballar, traballar e traballar”, o lema dos catro seguintes será exactamente o mesmo, “porque non sabemos facer outra cousa”.
Recoñeceu que nestes catro anos puido haber erros en algúns temas e quizais as decisións que se tomaron non foron as máis axeitadas, pero dixo, “traballamos por aquelo que realmente lle importa á xente, e fomos preparando o terreo e dando pasos para facer precisamente aquelo que nos interesa a todos”. Citou a construción de novos aparcamentos gratuítos, máis servizos sociais e educativos, unha nova escola infantil, o acceso ó porto, ampliar o martelo do porto, reconstruír o faro, ou a ampliación do Hospital. “Fixemos todo isto para que Burela medre e se xere emprego e riqueza, para que aquí se quede a xente a vivir, porque iso é o que lle importa á xente”.
González Barcia destacou que o prioritario dos vindeiros catro anos será acabar o traballo iniciado, e seguir poñendo as bases do futuro, por un lado facilitando que se asenten empresas nas zonas marcadas como industriais no PXOM ou no Berbés, e mellorar e ampliar as dotacións de infraestruturas, como a EDAR”.
O actual alcalde e candidato á reelección pediulle ós asistentes que “se convertan na voz do partido na rúa, no traballo, nas charlas de cafetería, para difundir a mensaxe de que a xente do PP traballamos polo que lle importa á xente, para facer aquelo que lle permite medrar a Burela, e que ademais somos de fiar e os únicos que podemos dar estabilidade ó concello”.
CANDIDATURA PP BURELA
José Gónzález Barcia
Diana Durán García
José Casas Martínez
María del Mar Fraga Fernández
Alberto Rapa Martínez
Jasone Fátima Lorenzo Bahamonde
Genaro González Debasa
Josefa Yáñez Cao
María Belén Ramudo Rodríguez
Felicísimo Baño Fernández
Domingas Pereira Varela
Manuel Pardeiro Casabella
Justo Eijo Eijo
SUPLENTES
Patricia López Eijo
Beatriz Piñeiro López
José Luis González Arnau