O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo explica que o vicepresidente da institución lucense, Antón Veiga, recoñeceu esta mañá, durante o transcurso da sesión plenaria, que o ente non colaboraría economicamente coa adecuación do campo de fútbol de Ribadeo xa que o alcalde non o quere.
Os populares lembran que o GPP presentou unha iniciativa, que se debateu hoxe en pleno, para que a Deputación se implicara en dotar a Ribadeo dun campo de fútbol en condicións. Unha petición que dende o GPP consideran “necesaria” e “importante”.
A Deputación de Lugo non xustificou o seu voto en contra na falta de orzamento ou mesmo na de vontade senón na decisión do alcalde do municipio, que non considera necesaria esta actuación que demandan tanto seguidores como afeccionados e profesionais que poñen en práctica este deporte.