O Grupo Provincial do Partido Popular formalizou o rexistro da proposta de declaración institucional que promoven en apoio aos traballadores de Vestas e cuxo texto se pactou na reunión celebrada o xoves entre representantes do PP e o Comité de Empresa.
No acordo, os populares propoñen que a Deputación Provincial de Lugo amose o seu apoio incondicional ás traballadoras e traballadores da empresa Vestas, emprazada no concello de Viveiro, e insta a todas as administracións, cada unha dentro das súas competencias, a que fagan as xestións para que poidan dar unha solución a este conflito.
Declaración institucional pactada
Os populares lembran que o texto proposto foi pactado cos representantes dos traballadores coa finalidade de evidenciar o apoio unitario de todas as forzas políticas ante a demanda dos profesionais afectados polo ERE.
Ademais, dende o GPP explican que promoven esta declaración institucional ao considerala, ao igual co Comité de Empresa, como a fórmula máis acertada para manifestar o compromiso de todas as administracións sen entrar en debate partidista, tal e como é o desexo dos representantes dos traballadores.
Xunta de Voceiros
O Grupo Provincial do Partido Popular solicitou tamén a través dun escrito rexistrado onte a convocatoria dunha Xunta de Voceiros da Deputación de Lugo co obxecto de darlle a coñecer e explicarlle aos outros grupos políticos o contido da declaración institucional, sobre a que agardan ter un apoio unánime no próximo pleno provincial
Situación da empresa Vestas
O GPP lembrou que a empresa Vestas Nacelles Spain S.A., que desenvolve a súa actividade na fabricación de aeroxeneradores para a produción de enerxía eólica, vén de anunciar, para o centro emprazado no concello lucense de Viveiro, a súa intención de iniciar un procedemento de despedimento colectivo que afectaría a 54 traballadoras e traballadores e outro expediente adicional de suspensión temporal de emprego para as 95 persoas que conforman o resto de seu cadro de persoal
Esta decisión aboca á perda de postos de traballo e ao cese da actividade, durante meses, do resto do cadro de persoal, co correspondente impacto laboral e social, que debe terse en consideración.