Lugo, 31 de marzo de 2015.- O deputado do Grupo Provincial do Partido Popular, Fernando Pensado, negouse hoxe en sesión plenaria a ser cómplice da utilización partidista e demagóxica que o PSOE e o BNG está a facer dos enfermos como único obxecto de obter rédito electoral de cara aos comicios do próximo mes de maio e lembrou que foi o actual goberno galego o que deu a Lugo o mellor hospital e son os técnicos e non os políticos os que deciden os servizos.
“Nunca imos xogar coa saúde da xente”, explica Fernando Pensado, senón que a liña a seguir polo Partido Popular é a de traballar para que haxa mecanismos para atender aos pacientes. En esencia, Pensado defendeu que en asuntos de organización sanitaria cómpre fuxir de demagoxias e de populismos electoralistas. “Ten que ser a evidencia e os resultados en saúde os que tracen a política sanitaria a implementar. Defenderemos sempre o servizo de hemodinámica 24 horas pero que este sexa a consecuencia dunha análise que se apoie nos sistemas dos médicos”. Polo tanto, a elección entre o servizo 24 horas ou 8 horas “non é nin foi nunca un problema de custos nin de financiamento”.
“Cando tiveron a oportunidade non fixeron nada e a acordan coa chegada das eleccións”
Lugo ten una sala de hemodinámica que antes non tiña e foi o goberno popular da Xunta o que dotou ao Hula deste servizo. “Non é unha promesa, é unha realidade”. “Os socialistas durante o goberno bipartito na Xunta de Galicia negáronlle a Lugo a súa, mentres abriron unha en provincias veciñas, curiosamente a puxeron a media xornada. Daquela ningún socialista abría a boca. Sorprende que o que en Ourense é correcto, en Lugo non o sexa”.
A Xunta traballa
Durante os oito anos que Besteiro leva á fronte da Deputación non lle preocupou a sanidade dos lucenses, nin ao goberno socialista e nacionalista da Xunta de Galicia. Mentres, o actual Goberno galego ten invertido no novo Hospital Lucus Augusti máis de 60 millóns de euros. A Xunta executou as obras e licitou os concursos que permitiron dotar a este hospital de cociña, gardería, aparcadoiro e mobiliario. Tamén se investiron máis de 1,2 millóns nos laboratorios de Saúde Pública.
Neste momento, atópanse xa en licitación os equipos de radioterapia e medicina nuclear para Lugo. De feito, o edificio administrativo do Servizo Galego de Saúde achegou o pasado día 27 a apertura do sobre que contén as ofertas económicas do equipamento de radioterapia. O SERGAS dá un paso máis na súa intención de dotarse da alta tecnoloxía necesaria para aumentar a calidade diagnóstica e asistencial, mellorar a dispoñibilidade do equipamento e atender de forma máis eficiente a demanda das probas diagnósticas e dos procedementos terapéuticos que empregan estas tecnoloxías. “O traballo debe ser constante. A preocupación non pode ser a consecuencia dunha convocatoria dunhas eleccións municipais”.