Partido Popular de Lugo

As últimas contas xerais aprobadas desvelan que o endebedamento da Deputación multiplicouse por catro dende 2007 ata 2013

Lugo, 31 de marzo de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular recorre aos datos económicos das últimas contas anuais aprobadas para desvelar que o endebedamento da administración multiplicouse por catro entre o ano 2007 e o ano 2013.

En concreto os populares explican que no 2007 o endebedamento era de 10.763.752 euros (30,31 por habitante) mentres que os indicadores da última conta xeral aprobada, a de 2013, recollen un endebedamento de 39.721.410 euros (114,80 euros por habitante).

A maiores os populares explican que o actual goberno da Deputación recibiu no 2007, 83.351.379 euros; que sufriron unha caída do 50% con respecto a 2013 (54.550.057 euros).

Polo tanto, os populares criticaron a utilización sesgada que o goberno bipartito provincial fai dos datos económicos a maiores de criticarlle estas cifras tendo en conta que a Deputación de Lugo está a incumprir de xeito continuado as competencias atribuídas por lei.

Por último, os populares acusaron esta mañá ao presidente da institución de evadir os mecanismos de control do dereito público ao inxectar diñeiro en organismos paralelos, como son Suplusa ou a Fundación TIC. Os populares fixeron estas declaracións tras apreciar que na proposta de modificación de crédito que levou hoxe o goberno provincial a pleno, agochan detrás da aplicación do superávit a reducir o nivel de endebedamento, o desvío de preto a 9€ a Suplusa.

Deste xeito, o destino de diñeiro de todos os lucenses cara entes paralelos permítelle a Besteiro fuxir de mecanismos de control do dereito público desta institución. Por exemplo, os populares explican que a contratación de persoal queda a cargo de cada ente convocante, establécese co contrato laboral temporal como forma ordinaria, a asignación dos concursos dáse sen un verdadeiro control…

Neste sentido, os populares lembran que están acreditados procesos de contratación opacos como por exemplo o seguido por Suplusa na Escola de Piragüismo.

Por último, dende o GPP tamén explican que esta fuxida dos mecanismos de control tamén se está a dar na Fundación TIC ao aprobar dende a Deputación de Lugo encomendas de xestión con este ente, como a que se dá co programa Km0.