Mondoñedo, 30 de marzo de 2015.- O Partido Popular de Mondoñedo preguntará en pleno ao alcalde do municipio, Orlando González, se chegou a un acordo cos propietarios dos terreos do Vilar e se, deste xeito, ten garantida a súa dispoñibilidade.
Os populares trasladarán esta pregunta dado que da documentación que obra no seu poder e das explicacións dadas polo equipo de goberno non se desprende que a situación estea regularizada.
Dende o Partido Popular lembran que o prazo de cesión dos terreos (onde se realizaron obras de rehabilitación en inmobles dirixidos a actividades turísticas) por parte dos propietarios rematou en 2013; o que podería implicar unha reversión aos cedentes.
Un informe emitido polo Servizo Provincial de Cooperación e Asistencia aos Concellos, que acreditaba o incumprimento por parte do goberno local, indicaba que se debería valorar o acordo cos doantes dunha prórroga do prazo; porén, a día de hoxe, ao PP non lle consta que estea acreditada a dispoñibilidade dos terreos; pese as continuas peticións dos populares.
Ademais, os populares queren coñecer a través desta pregunta cal é o plan de viabilidade que teñen para este proxecto e solicitarán que se acredite realmente que teñen un proxecto sostible. O PP agarda que o último anuncio do alcalde non se corresponde cun lavado de imaxe de cara ás eleccións co que buscan xustificar a súa temeridade nesta xestión.