Becerreá, 30 de marzo de 2015.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, xunto ao candidato popular á alcaldía de Becerreá, Miguel Cela, amparados na contundencia e na obxectividade dos datos, revelaron esta mañá que a Xunta de Galicia investiu 20 veces máis neste concello ca Deputación.
Desenmascáranse os falsos argumentos de Martínez
A voceira dos populares explicou que dende o PP deuse a coñecer cifra por cifra os recursos achegados ata Becerreá polo goberno que preside Alberto Núñez Feijóo nos últimos seis anos. Esta cifra supera os 31,2 millóns de euros e converten ao goberno galego na administración que maior esforzo inversor realiza neste concello.
Tras dar a coñecer este investimento do goberno galego, os populares emprazaron á Manuel Martínez a facer público, como integrante do goberno provincial, os investimentos da Deputación no Concello. O socialista sabedor do baixo compromiso da administración provincial con Becerreá non respondeu á petición dos populares.
Agora dende o GPP desvelan que as cifras non soportan comparativa: a Xunta é o goberno que máis apostou por este concello cunha achega en seis anos de 31,2 M€ fronte ao 1,5 M€ do goberno bipartito da Deputación.
Este datos desenmascaran os falsos argumentos do alcalde de Becerreá e voceiro socialista na Deputación quen debe recoñecer, dunha vez por todas, o compromiso da Xunta de Galicia con Becerreá.
A Xunta, quen máis apostou por este Concello
A Deputación de Lugo investiu nos últimos seis anos un total de 1,5 millóns de euros en Becerreá, tanto en achegas directas como en partidas xenéricas territorializadas. “Son, polo tanto, 29,7 millóns menos que os achegados pola Xunta de Galicia”.
A administración autonómica investiu 20 veces máis no concello de Becerreá ca Deputación de Lugo, ata o punto de que en só catro meses, a Xunta achegou máis que o goberno bipartito da Deputación en seis anos.
Un alcalde incapaz de acadar compromisos da administración na que goberna
Logo de coñecer estes datos, os populares aseguran que o alcalde debe dar explicacións aos veciños ante o evidente maltrato dunha administración amiga, na que é deputado provincial, responsable da área de Vías e Obras e voceiro do Grupo Socialista.
Para os populares estas cifras demostran a incapacidade manifesta de Manuel Martínez para acadar compromisos da Deputación de Lugo para o seu municipio. Tras os datos ofrecidos, ao socialista só lle queda abandonar o seu discurso victimista e recoñecer a colaboración da Xunta de Galicia co municipio mentres debe dar a cara pola escasa implicación da Deputación co municipio.