Partido Popular de Lugo

BENESTAR RETOMARÁ NESTA LEXISLATURA O PROXECTO DO CENTRO DE MAIORES DE CARBALLEDO

Lugo, 29 de marzo de 2015. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, vén de manter unha xuntanza de traballo co alcalde de Carballedo, Julio Manuel Yebra, co fin de avanzar en temas de interese social para a localidade. En concreto, a titular do departamento autonómico comprometeuse no encontro a retomar o proxecto do centro de maiores de Carballedo durante esta lexislatura.

Mato destacou a importancia de poñer a disposición das persoas maiores servizos de calidade e, deste xeito, indicou que a posta en marcha de prazas públicas para este colectivo é unha das prioridades da Xunta, lembrando que Galicia é a segunda autonomía de todo o Estado con maior porcentaxe de servizos profesionais.

Na provincia de Lugo, ofértanse na actualidade preto de 2.000 prazas de maiores das que a Xunta puxo en funcionamento 528, é dicir, un 36 por cento máis das que había en 2009. En toda Galicia, Mato destacou que as prazas creadas polo Goberno galego para persoas maiores foron máis de 3.100, un 50 por cento máis das que se ofertaban nos últimos seis anos. En atención residencial o aumento é do 25 por cento (1.350 prazas novas) e en centros de día do máis do 170 por cento (1.600 prazas novas). 

Esta aposta polos servizos de calidade reflíctense, tal e como explicou Mato, nos orzamentos de 2015, que recollen un incremento de 15,3 millóns de euros en novos servizos para as persoas con dependencia. Entre as partidas que se aumentaron este ano destaca a destinada ao mantemento de prazas públicas en centros de maiores, que alcanzan os 82 millóns de euros, 4 millóns máis que o ano pasado. Ademais, o orzamento para o Servizo de Axuda no Fogar para a Dependencia  aumenta en 8,6 millóns de euros, chegando aos 46,3 millóns de euros. Con este investimento, a Consellería prevé incrementar en 1.000 persoas o número de beneficiarios deste servizo en Galicia.

Investimentos no Concello 

Doutra banda, a titular do departamento autonómico tamén se referiu ao investimento que ten realizado a Consellería de Traballo e Benestar no Concello de Carballedo o ano pasado. Así, tanto en emprego como na área social supera os 330.000 euros: máis de 200.000 euros no ámbito laboral e máis de 130.000 no social. 

En materia laboral, destaca o financiamento de preto de 180.000 euros para o obradoiro de emprego ‘Serra do Faro’, que Carballedo comparte xunto co Concello de Chantada, no que se formaron no último semestre 20 alumnos e alumnas nas especialidades de xardinería e albanelería. Os seus participantes están levando a cabo o axardinamento do campo da feira e o acondicionamento dos codos de Belesar, en Chantada, e a construción dunha nave para servizos municipais en Carballedo. Na área social resalta o incremento nun 7 por cento das horas do Servizo de Axuda a no Fogar (SAF) para persoas dependentes.