Partido Popular de Lugo

Pol, único Concello de Galicia, que non recibe subvención para mellorar camiños pola incompetencia do rexedor

Lugo, 27 de mazo de 2015.- A presidenta, voceira e candidata popular á alcaldía de Pol, María Ángeles Lenza, denunciou esta mañá que ao Concello foille denegada unha subvención de máis de 93.000 euros (concretamente de 93.283 euros) para mellorar os seus camiños na anualidade 2014-2015.

A popular explicou que esta axuda contribuiría á mellora viaria de Pol, contribuíndo no arranxo dos camiños da parroquia de San Martín de Ferreiros. Denuncia que o que en principio non custaría un euro ao Concello se converta agora nun gasto máis para un municipio endebedado.

Lenza López lamentou que esta situación sitúe a Pol no único dos 314 Concellos de Galicia que non conta con esta subvención polo incumprimento dos prazos e pola incompetencia amosada polo Señor  alcalde.

“O motivo de que o municipio perdese esta axuda débese a que o rexedor non remitiu as contas ao Consello de Contas antes do 9 de decembro do 2014, data de vencemento do prazo de presentación das mesmas”- informou a popular.

A presidenta do PP local insiste en que a culpa de perder esta axuda foi o rexedor, posto que é o máximo responsable do Concello e  tilda este feito de comportamento neglixente posto que “estamos a falar dun diñeiro moi necesario para o Concello, tendo en conta o estado de débeda no que nos atopamos”.

Conclúe a popular pedíndolle ao alcalde que explique ós veciños as medidas que vai a tomar e os trámites que vai a desenvolver para solventar a perda desta axuda.

UN CONCELLO ENDEBEDADO

María Ángeles Lenza lembrou que o Concello de Pol está endebedado e que  existen facturas sen pagar por un importe que ronda os 400.000 euros. Unha situación que a popular denunciou en días pasados e polo que solicitou un pleno extraordinario para que o rexedor dera explicacións sobre estas débedas. A día de hoxe, o alcalde aínda non convocou esta sesión plenaria.

Neste senso, Lenza López manifestou que Lino Rodríguez aínda non fixo nin públicas nin por escrito, as cantidades que lle adebeda aos empresarios nin á anualidade á que pertencen. Insistiu en que ten que abonar as facturas pendentes de pago seguindo un criterio cronolóxico, ordenado e obxectivo, rexeitando totalmente o pago segundo a súa conveniencia e intereses escuros.