Partido Popular de Lugo

BENESTAR INCLUIRÁ NOS ORZAMENTOS DE 2016 A POSTA EN MARCHA DE PRAZAS PÚBLICAS PARA MAIORES EN MEIRA

Santiago, 27 de marzo de 2015.- A Consellería de Traballo e Benestar prevé incluír nos orzamentos para o próximo ano unha partida para apoiar a posta en marcha de novas prazas de maiores no concello de Meira. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, nunha xuntanza mantida esta semana co alcalde desta localidade lucense, Ramiro Pérez, comprometeu o apoio do seu departamento ao proxecto dun centro de maiores.

Para iso, haberá un traballo conxunto de ambas administracións nos próximos meses para ver a situación, tipoloxía de proxecto e demais cuestións técnicas, co fin de ter pechadas as necesidades orzamentarias para incorporar nos orzamentos do ano 2016.

Na provincia de Lugo, ofértanse na actualidade preto de 2.000 prazas de maiores das que a Xunta puxo en funcionamento 528, é dicir, un 36 por cento máis das que había en 2009. En toda Galicia, Mato destacou que as prazas creadas polo Goberno galego para persoas maiores foron máis de 3.100, un 50 por cento máis das que se ofertaban nos últimos seis anos. En atención residencial o aumento é do 25 por cento (1.350 prazas novas) e en centros de día do máis do 170 por cento (1.600 prazas novas).

A posta en marcha de prazas públicas para persoas maiores é unha das prioridades da Xunta, segundo resaltou a conselleira, e, deste xeito, lembrou que Galicia é a segunda autonomía de todo o Estado con maior porcentaxe de servizos profesionais.

Esta aposta polos servizos de calidade reflíctense, tal e como explicou Mato, nos orzamentos de 2015, que recollen un incremento de 15,3 millóns de euros en novos servizos para as persoas con dependencia. Entre as partidas que se aumentaron este ano destaca a destinada ao mantemento de prazas públicas en centros de maiores, que alcanzan os 82 millóns de euros, 4 millóns máis que o ano pasado. Ademais, o orzamento para o Servizo de Axuda no Fogar para a Dependencia  aumenta en 8,6 millóns de euros, chegando aos 46,3 millóns de euros. Con este investimento, a Consellería prevé incrementar en 1.000 persoas o número de beneficiarios deste servizo en Galicia.