Partido Popular de Lugo

O PP anuncia que a Xunta estaría disposta a mediar no conflito laboral da empresa Vestas

Viveiro, 26 de marzo de 2015.- O Partido Popular anunciou hoxe que a Xunta de Galicia estaría disposta a mediar no conflito laboral de Vestas, sempre que empresa e traballadores estean de acordo e así o soliciten.

Os populares anuncian a disposición da administración autonómica por intermediar na procura dunha solución que contribúa a despexar a incógnita sobre o futuro da fábrica de Chavin.

Desde o PP adiantan que o órgano competente para facer esa mediación sería o Consello Galego de Relacións Laborais, entidade especializada na participación neste tipo de conflitos e na procura de solucións de consenso e entendemento.

Os populares demandan vontade de diálogo para buscar alternativas ao peche temporal de actividade así como para manter os postos de traballo e confían na posibilidade de que se chegue finalmente a un acordo favorable para o presente e futuro dos traballadores e desta factoría.

Así o trasladaron hoxe nunha reunión que mantiveron esta tarde co Comité de Empresa de Vestas en Viveiro, e na que participaron os deputados autonómicos Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez Sierra, a portavoz popular na Deputación provincial, Elena Candia e o presidente local dos populares, Antonio Bouza

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL PACTADA

Por outra banda o PP tamén anunciou que promoverán a aprobación dunha Declaración Institucional no vindeiro pleno da Deputación de Lugo na que ademais de reiterar o apoio aos empregados da planta de Chavín, se inste ás administracións, cada unha en función das súas competencias, a involucrarse impulsando as iniciativas e ferramentas ao seu alcance para superar o conflito.

Os populares anunciaron que o texto proposto foi pactado cos representantes dos traballadores así como tamén a idoneidade da presentación ante a Deputación de Lugo, aproveitando que ten previsto celebrar un pleno xa na vindeira semana, e co obxecto de evidenciar o apoio unitario de todas as forzas políticas ante a demanda dos profesionais afectados polo ERE.

Lembremos que a empresa Vestas emprazada na localidade lucense de Chavín (Viveiro), vén de anunciar o inicio das conversacións co Comité de Empresa para a aprobación dun expediente de regulación de emprego para, polo menos, 54 traballadores e outro ERE máis, de carácter temporal, para os 95 empregados restantes