Castroverde, 25 de marzo de 2015.- A voceira do PP de Castroverde, María Gómez Pallín, tildou o acto de Gómez Besteiro no municipio de partidista e electoralista e xustificou a ausencia da súa formación política ao acto por consideralo como unha auténtica mofa aos veciños de Castroverde.
Explicou a popular que o evento de hoxe consistiu na inauguración dunhas obras do centro de día, infraestrutura que non entrou en funcionamento malia as promesas que fixo o rexedor nas eleccións locais pasadas. “Estes anuncios incumpridos do Señor Arias poden verse nun vídeo na internet”- manifestou Gómez Pallín.
A popular alertou que o PSOE está prometendo a apertura do centro para setembro así como a creación de postos de traballo, cando en realidade, non hai compromiso de xestión por parte da Deputación de Lugo para dita instalación.
Lembra que o rexedor declarou no pleno do mes de xaneiro que era probable que fose unha empresa privada a que se fíxese cargo do centro (polo que sería unha xestión privada) o que leva consigo que a maioría dos maiores do concello de Castroverde non sexan usuarios do mesmo, xa que teñen un pensión baixa.
A popular considera os anuncios de hoxe como un “engano en toda regra aos veciños e veciñas de Castroverde co fin de recabar votos de cara as próximas eleccións municipais”.
Concluíu Gómez Pallín manifestando que o Partido Popular de Castroverde está a favor da residencia, xa que é unha infraestrutura moi demandada polos veciños, pero insiste en que quere unha residencia pública e lémbralle ao Sr Arias, que sendo él deputado provincial, comprometéronse a construír e xestionar a residencia (tal e como consta na acta plenaria provincial de 26 de outubro de 2010).